Vilagarcía repartirá 7.300 euros en premios no gran desfile do martes de entroido

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O enterro da sardiña de Vilaxoán, sempre un cerimonia moi sentida
O enterro da sardiña de Vilaxoán, sempre un cerimonia moi sentida MONICA IRAGO

A programación inclúe un baile infantil na praza da Peixería e as citas tradicionais do carnaval en Vilaxoán e O Carril

27 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

22 premios cun importe global de 7.300 euros. Estes son os galardóns que a concellería de Cultura de Vilagarcía reserva para o gran desfile de entroido que terá lugar na tarde do 17 de febreiro. As bases, aprobadas onte polo Concello, poderán consultarse a partir de hoxe nos taboleiros de anuncios de sede.vilagarcia.gal e www.vilagarcia.gal, onde tamén estará dispoñible o formulario de inscrición. O prazo de anotación vai do 2 ao 13 de febreiro.

Cultura establece tres modalidades de participación: infantil (ata trece anos), xeral e comparsas. Nas dúas primeiras haberá categoría individual e de parellas. Nas comparsas, de grupos de ata vinte persoas e de formacións con máis de vinte integrantes. Concederanse tres premios en cada apartado, con dotacións económicas que oscilarán entre os cincuenta e os 1.300 euros.

A maiores, o Concello dispón unha mención do xurado e premios especiais á mellor carroza e animación, con cadanseus cincocentos euros. Unha cifra que tamén se destinará aos mellores disfraces de choqueiros, figura típica do entroido en Galicia.

Un día antes, o luns 16, a praza da Peixería acollerá unha festa infantil amenizada pola Duendeneta, na que tamén haberá obradoiros creativos gratuítos.

O carnaval é tamén salientable tanto en Vilaxoán coma no Carril. O centro sociocultural do Preguntoiro acollerá o venres 20, a partir das 20.30 horas, o festival de comparsas. E o sábado 21, con saída ás sete e media da tarde da lonxa de Vilaxoán, terá lugar o enterro da sardiña.

Polo que respecta ao Carril, ademais do baile para os seus socios, o Gato Negro organiza o domingo 22 o seu enterro da sardiña. Con saída ás 18.30 horas da sede da sociedade, percorrerá as principais rúas do pobo unha comitiva fúnebre integrada polas comparsas de O que queira que veña, a ANPA do colexio da Escardia, Os Jatiños e o grupo tradicional Malveiras, cos seus curas e as súas choronas.