As creacións deben entregarse no Concello con data límite o 31 de xaneiro
14 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello da Illa, en colaboración coa Asociación de Empresarios, organiza un concurso de cartaces de Entroido no que haberá 200 euros de premio en xogo. O tenente de alcalde, Manuel Suárez, destacou que «esta festa é unha das que mellor reflicten a maneira de ser da Arousa, unha celebración aberta, anárquica, creativa e participativa, que forma parte da nosa identidade colectiva». Para o Concello, o concurso de cartaces é «unha ferramenta fundamental para poñer en valor esa tradición e para dar a oportunidade ao talento artístico de contribuír á imaxe dunha festa que é de todos».
Os concurso está aberto a afeccionados ou profesionais, tamén aos menores de idade, que poderán presentar as súas obras orixinais ou inéditas inspiradas no Entroido da Arousa. Debe facerse en formato A3, con técnica libre e non admitíndose o uso da intelixencia artificial. As obras deben entregarse no Rexistro Xeral do Concello da Illa con data límite o 31 de xaneiro ás 14.00 horas.
O gañador recibirá un vale de 200 euros para gastar no comercio local, «reforzando o vínculo entre cultura, consumo de proximidade e economía local», tal e como explican dende o Concello.