O Concello da Illa inclúe o escudo do Céltiga nos seus documentos e sede electrónica polo centenario do club

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O Concello da Illa incorporou xa o escudo e o lema do centenario do Céltiga á súa sede electrónica
O Concello da Illa incorporou xa o escudo e o lema do centenario do Céltiga á súa sede electrónica PROPIA

O presidente do club recibe a noticia como un recoñecemento a todos cantos construíron os cen anos de historia da entidade deportiva decana do pobo da Arousa

09 ene 2026 . Actualizado a las 20:22 h.

Non será ata o 26 de marzo cando o Céltiga FC cumpra o seu primeiro centenario, pero na Illa de Arousa están xa en modo conmemoración. E non só no club. O Concello presentou este venres a nova imaxe corporativa que vén de incorporar ao seu día a día e o dos veciños e demais persoas que queiran ou deban relacionarse coa Administración local arousá, deseñada en recoñecemento aos cen anos da entidade deportiva decana da localidade.

Así, toda a documentación do Concello da Illa, desde comunicacións e impresos a notificacións e soportes dixitais, ao igual ca sede electrónica pasan a incluír o escudo do Céltiga FC, acompañado do lema conmemorativo 100 anos de historia, orgullo e paixón. 

Desde o goberno local subliñouse onte que a medida vai máis aló dunha actualización estética, e que persegue servir de xesto simbólico de apoio ao tecido deportivo e social do municipio, ao tempo que reforza unha comunicación institucional moderna e próxima á cidadanía sumándose á conmemoración do centenario do Céltiga FC.

O presidente do club, José Ricardo Dios, Harry, referiuse ao xesto do Concello sinalando que se trata dun «recoñecemento ao traballo de xeracións de xogadores, de directivos, de socios e de afeccionados que fixeron posible que o club cumpra cen anos mantendo intacta a súa identidade e os seus valores». 

Visita hoxe ao Atlético Arteixo

No estritamente deportivo, o Céltiga abre este sábado (18 horas) o 2026 retomando a Liga de Tercera RFEF. Faino con ansia de continuar a súa liña ascendente do 2025 e seguir escalando na clasificación, chegando quinto ao seu duelo co Atlético Arteixo, na penúltima xornada da primeira volta.