Salghadoiro volve darlle voz ao talento meco

leticia castro O GROVE / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

A presentación dun novo número da revista encheu o venres a Galería Besada

28 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A revista meca Salghadoiro volveu encher a Galería Besada na presentación do que xa é o seu terceiro número, servindo novamente de caixa de resonancia dos artistas da localidade.

O público grovense deulle unha cálida acollida á publicación e comprobou in situ —porque desta volta colgaban das paredes as obras dos protagonistas— o talento que medra na localidade, e fóra dela. Tomaron a palabra nunha ateigada sala na que tamén estiveron presentes varios membros da corporación municipal voces como a de Gonzalo Abalo, de Nadadora, a actriz Belén Constenla, o artista Iago Fontoira ou a historiadora Alma Rodríguez, quen deu unhas pinceladas sobre o artigo de Ernesto Goday, que se pode escoitar tamén en formato podcast.

Foi un encontro ameno que volveu poñer sobre a mesa a necesidade de apostar pola cultura e visibilizala. Os integrantes de Salghadoiro, satisfeitos coa fidelidade dos mecos, anunciaron o venres que no próximo número darán o salto ao país veciño, Portugal, para seguir difundindo a cultura atlántica.

A revista está xa á venda nos establecementos locais habituais, como a Libraría Nobel e Galería Besada, e distribuiráse aos demais espazos galegos na vindeira semana, coa vista posta en que sexa un bo agasallo de Reis.