Máis alá de medios e formas hai cousas que permanecen e son a esencia dese sector
14 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Pronto cumprirei corenta anos de exercicio permanente da avogacía. O meu mérito é exercer ese oficio, ás veces arte —máis coa acepción de artesán que de artista—, lonxe dos focos e independente, libre. Tanto tempo, —non o acabo de crer e aseguro que o meu DNI está errado por lustros—, non me libra de estudar acotío cada asunto como se fose o primeiro. Tamén porque nesta profesión pouco perdura inmutable e, por iso, quen se queira prezar de ter algo máis que un rótulo de avogado na porta ten que permanecer novo e freneticamente ao día. Derrogáronse, modificáronse, cambiáronse leis deseguido. Vivín un tempo de vertixinosa transformación.
Daquilo que estudiei —a promoción 1979-1984, non por min, foi brillante con políticos ilustres, catedráticos, xuíces, poucos avogados a verdade— case nada queda en pé, pero todo mellorou. Son, pois, corenta anos que polo menos permítenme unha visión xeral do mundo da xustiza. Non me refiro ás cuestións materiais e de comunicacións, desde aqueles tempos das máquinas de escribir manuais, co seu son que se escoitaba —ese traqueleo daba un algo de medo— ao entrar nun edificio xudicial, e papel carbón para as copias; ata a actualidade na que os interesados poden acceder telematicamente aos seus expedientes xudiciais. Máis alá de medios e formas hai cousas que permanecen e son a esencia dese sector. Permítanme facer unha escala por orde de importancia do que persiste inmutable e, de xeito simultáneo, provoca a evolución na aplicación do Dereito. Pode parecer un podio sorprendente. Fóra de categoría, o motor real, están os cidadáns que teñen que pedir xustiza e dispoñen de forza e medios para non renderse. Despois, o primeiro chanzo do podio téñeno os lexisladores; políticos unxidos pola soberanía popular. Son os que van cambiando leis polas que terá que rexerse a andamiaxe xurídica e xudicial.
No segundo chanzo sitúanse os avogados. E no terceiro, a xurisprudencia. A do Tribunal Supremo, a onde chegan os maxistrados máis solventes; agora, tamén, a do Tribunal Constitucional —propiamente non é órgano xudicial— e a dos Tribunais Superiores; todos, coa modulación dos tribunais internacionais, en particular dos que velan polos dereitos humanos. Isto referíndome ao sistema xudicial español, ou o de Hispanoamérica, Francia, Italia ou Alemaña onde rexe o sistema xudicial continental que se fundamenta na lei escrita, a que deseñan os políticos, non os xuíces. É diferente do common law ou sistema xurisprudencial —Gran Bretaña, Australia, Estados Unidos, Canadá, menos Quebec— no que a preferencia para xulgar téñena os precedentes xudiciais. Se imos ás publicacións xurídicas de aquí, vemos que o mérito das innovacións, dos progresos na aplicación da Lei, atribúense aos tribunais, xuíces e maxistrados, un algo tamén á doutrina. Ninguén menciona aos cidadáns nin aos avogados de seu. Calquera demanda ou argumentación dirixida a un xuíz vai adornada de lei e xurisprudencia coa indicación do tribunal e poñente que a ditou. Non se ten en conta que para que se pronunciase tal ou cal sentenza houbo un avogado sostido por un cidadán que logrou ese precedente despois dun moi demorado viacrucis por distintos tribunais.
Estes días, o Fiscal Xeral do Estado debeu sentirse simple cidadán: empezou o calvario de ter que defenderse diante dos tribunais, buscou avogada, —excelsa, da Real Academia Galega de Lexislación e Xurisprudencia—, e agora, despois desta primeira sentenza, iniciará o longo percorrido de petición de nulidade e recursos coa incerteza de acadar unha interpretación favorable da Lei e o respecto dos seus dereitos fundamentais. Como calquera. Cabe que incorrese nunha conduta delituosa como Fiscal Xeral, pero que teña dereitos fundamentais vulnerados como cidadán. Queda nas mans da súa avogada. Ogallá consiga darlle volta a esta sentenza, porque aprenderemos dela.