O BNG pide o BIC para o Gran Hotel de A Toxa cun mes repleto de actos que reivindican a súa valía

l.c. O GROVE / LA VOZ

AROUSA

Leticia Castro

«O obxectivo é dar a coñecer a importancia cultural, arquitectónica estender a nosa memoria colectiva e garantir que este fragmento histórico continúe vivo para o futuro», sinalan dende a formación nacionalista

14 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O BNG de O Grove inaugurou onte, no edificio de A Celestina, fronte á Galería Besada, unha exposición de obxectos e fotografías correspondentes ao antigo Gran Hotel de A Toxa, que son testemuña do esplendor que un día tivo o edificio, e da valía que hoxe mantén. Un patrimonio que a formación nacionalista está a reivindicar pedindo a declaración de Ben de Interese Cultural para o conxunto da illa, cunha programación de actos que se estenderán ata o vindeiro 10 de xaneiro.

«O obxectivo é dar a coñecer a importancia cultural, arquitectónica estender a nosa memoria colectiva e garantir que este fragmento histórico continúe vivo para o futuro», sinalan dende a formación nacionalista. Trala inauguración da mostra, A Celestina acollerá o 19 de decembro unha mesa na que se lembrarán anécdotas do Gran Hotel, da man de extraballadores como Gerardo Sanmartín, Isabel Montenegro e María Jesús Dadín, e coa presenza de Fernando Gondar e da exconcelleira Sara Abeijón.

O día 27, tocaralle o turno ás lembranzas da Fábrica de Xabóns, coa exconcelleira Victoria Canoura e un grupo de extraballadoras da fábrica. O ano comezará abordando a importancia balnearia de A Toxa, o día 3, con Anselmo Noia, actual voceiro do BNG, o exconcelleiro Antón Mascato, o invetigador de augas termais, Héitor Picallo e o filólogo Xaquín Cambados. O 8 da xaneiro falarase de arquitectura, cine e toponimia da illa, cos graduados en historia Laura Dacal e Daniel Outeiro, o exconcelleiro Heladio Outeiro e o arquitecto David Carballa. O programa remtará o 10 de xaneiro, cunha mesa que afondará no Balneario e o BIC como motor económico, e que contará coa participación de Noia, Héitor Picallo, o alcalde de Mondariz, César Xil, o médico Antonio Freire e o autor da tese Arquitectura e patrimonio de élite en Arousa, Jose Luis Paulos. Todas os actos terán lugar ás sete e media da tarde.

Unha proxección diaria

Este espazo de reivindación acollerá a diario a proxección do filme Miss Ledyia, do ano 1916, e a mostra estará aberta ao público de luns a venres de cinco a oito da tarde, e os fins de semana, de once a unha e media, e de cinco a oito.