O Concello de Cambados, o Club de Tenis de Mesa Cambados e a oenegué Rescate organizan esta tarde o Torneo de Nadal-Xornada de integración a través do deporte, co que pretenden fomentar a convivencia, a inclusión e a participación comunitaria a través do tenis de mesa. Nesta ocasión, incluíndo na experiencia dúas decenas de refuxiados, na súa maioría de Mali, hospedados temporalmente en Valga e en Padrón, que xogarán en Cambados xunto con traballadores de Rescate e rapaces do club organizador.
Desde o Cambados TM animan a veciñanza da vila do albariño a achegarse ao pavillón do colexio San Tomé ás catro da tarde, hora de inicio do torneo pola integración. A iniciativa conta co apoio do Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones, o Secretariado General de Inmigración y Emigración e o Fondo de Asilo, Migración e Integración (FAMI).