Por circunstancias casuais compartín algúns momentos con dous protagonistas da negrura das etapas franquista e postfranquista: Xoan Carlos I e Manuel Fraga
23 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Nestes días de aniversario do falecemento por enfermidade de Francisco Franco vénme á cabeza que por circunstancias casuais compartín algúns momentos con dous protagonistas da negrura das etapas franquista e postfranquista, das que non estou seguro termos saído. Falo de Manuel Fraga e de Xoan Carlos I. Co de Vilalba manteño unha mestura de sentimentos, en realidade unha empanada mental: sei a súa traxectoria no poder, que contrastou coa de outros persoeiros de valía que decidiron non colaboraren co réxime ou foron asasinados. Foi dirixente político lonxevo, cabalgou na Ditadura e no réxime actual da Constitución de 1978, que axudou a deseñar. Naceu nunha familia humilde de san Xurxo de Rioaveso: o pai ía á sega a Castela, emigrou a Cuba a cortar cana de azucre e alá namorou dunha criada, creo que do País Vasco francés, coa que tivo relacións —ancilares, chamoulle Ramón Chao— e, unha vez que non se podían disimular, o amo da plantación pagoulle voda e pasaxe de volta para Galicia. Nunha ocasión que nunca esquecería sacou ao seu irmán José, letrado, dun mansío do río Magdalena, afogado; levouno á casa nun carro de vacas e el mesmo redactoulle o epitafio nun nicho prestado. Manuel Fraga falaba galego e éuscaro e outros seis idiomas, foi extraordinario academicamente, falanxista oposto ao Opus, ministro en dúas ocasións con represión e mortos ao lombo, embaixador en Londres, fundador de AP e do PP e presidente da Xunta. Tiña coñecementos inabarcables. Nunha ocasión fixen de comisario —por chamalo dalgún xeito— dunha exposición de pintores do Salnés en Cambados, que veu inaugurar. Parouse devagar diante dun cadro de Xaquín Chaves e, sen que me dese tempo a nada, explicoume polo miúdo autor e obra e que tiña o seu estudio en Lois. No político tivo unha evolución insólita, vencido pola realidade galega, porque procedendo do goberno central franquista, achegouse máis que ao rexionalismo a un certo galeguismo como federal. Algo así. Como un milagre inesperado, non atacou ao noso idioma. Nos escasos momentos que compartín con el, a súa exuberancia intelectual e cultural deixoume pasmado; e calado. Gárdolle un punto de respecto a este home e á súa transformación. Con Juan Carlos I participei en ceas, comidas e conversacións, —inflexibles en protocolo—; ocasións que foron a semente —non sei se afortunada— de que agora veña polo Salnés. Sorprendéronme a elementalidade, a rixidez, o bucle reiterativo e o profundo concepto, digamos de maxestade. É famoso o discurso de Franco do Nadal de 1969 cando afirmou que «respecto a la sucesión a la Jefatura del Estado en que tantas maliciosas especulaciones hicieron quienes dudaron de la continuidad de nuestro Movimiento, todo ha quedado atado y bien atado». En xullo dese ano promulgárase a Lei que designaba a Juan Carlos de Borbón y Borbón como futuro rei, «dentro de los Principios inmutables del Movimiento Nacional y de cuanto determinan la Ley de Sucesión en la Jefatura del Estado y demás Leyes Fundamentales, la Monarquía tradicional, católica, social y representativa» e seguía —nesa Lei falábase en primeira persoa—, que «estimo llegado el momento de proponer a las Cortes Españolas como persona llamada en su día a sucederme, a título de Rey, al príncipe Don Juan Carlos de Borbón y Borbón, quien, tras haber recibido la adecuada formación para su alta misión y formar parte de los tres Ejércitos, ha dado pruebas fehacientes de su acendrado patriotismo y de su total identificación con los Principios del Movimiento y Leyes Fundamentales del Reino». A teima de pasar polos tres Exércitos segue. Despois, calcadiño á Constitución, establecía que esa Monarquía se transmitiría por sucesión e regulaba o xuramento do seguinte xeito: «En nombre de Dios y sobre los Santos Evangelios, ¿juráis lealtad a Su Excelencia el Jefe del Estado y fidelidad a los Principios del Movimiento Nacional y demás Leyes Fundamentales del Reino?» El designado sucesor responderá: ‘Sí, juro lealtad a Su Excelencia el Jefe del Estado y fidelidad a los Principios del Movimiento Nacional y demás Leyes Fundamentales del Reino.’ Y el Presidente de los Cortes contestará: ‘Si así lo hiciereis que Dios os lo premie, y si no, os lo demande’. E así se fixo. É dicir: só responderá diante de Deus. Non do pobo soberano. Contarían con que Deus non dará chío.