Campaña solidaria da biblioteca do IES Monte da Vila do Grove: un libro por comida

Leticia Castro O GROVE / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

Os interesados poderán entregar alimentos ou produtos de hixiene e limpeza que serán doados a Cáritas

18 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O IES Monte da Vila, en O Grove, ven de mergullarse hai uns días nunha campaña benéfica para axudar a quen máis o necesita, recollendo alimentos a cambio de libros, que serán doados á oenegué Cáritas na localidade.

A idea nace, segundo contan dende o propio centro educativo, da necesidade de reorganizar os fondos da biblioteca escolar para mellorar a accesibilidade dos usuarios e facerlles a busca de exemplares máis doadas, un traballo que comezaron a realizar xa a principios de curso. Foi entón cando se decataron de que había moitos volumes que xa non resultaban atractivos na sala dado que non tiñan saída, polo que decidiron expurgalos, facendo oco así a novas achegas.

Vaia por diante que a expurgación en ningún caso significa que estes obxectos vaian ser pasto do lixo. Terán unha ou máis vidas fora daqueles estantes nos que xa non son de utilidade. Unha vez retirados, os encargados da biblioteca decidiron que era unha boa idea poñelos a disposición do claustro e o alumnado, para que puidesen levalos para a casa de xeito definitivo, pero déronlle unha volta e mudaron de idea: «Pensamos que que o alimento do cerebro podía ser intercambiado polo alimento do resto do corpo», contan. Nese intre foi cando decidiron poñerse en contacto con Cáritas para levar a idea adiante, aquilo podía ter un fin solidario, e a oenegué acolleu de bo grado a colaboración.

A campaña está activa dende este luns e seguirá operativa ata o vindeiro 5 de decembro. Os volumes expurgados da biblioteca serán expostos no corredor de entrada do centro, para que quen o desexe poida facer o troco. Alí mesmo recolleránse tanto alimentos como produtos de hixiene e de limpeza, que deben ser depositados nas caixas a tal efecto. Baixo o lema Un libro, un quilo, o centro agarda unha exitosa recollida, e agradece todas as achegas que se poidan facer, xa que toda solidariedade é pouca cando se trata de axudar en cuestións tan básicas.