Nuria Díaz, autora de ¿De qué tienes miedo?: «Hoxe en día témoslle medo á realidade, e é algo terrible»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

A ilustradora presentou o seu cuarto libro como autora total no marco do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa, o gran certame do xénero da súa vila natal

03 nov 2025 . Actualizado a las 20:48 h.

«Nacín en Vilagarcía de Arousa no 1982 cun medo debaixo dun brazo e un lapis debaixo do outro». Así comeza Nuria Díaz a falar de si mesma. A ilustradora local presentou na tarde do venres no marco do Curtas o seu cuarto libro de autoría completa, isto é, amalgamando debuxo e texto saídos das súas mans e cabeza. Outros 35 libros ilustrados para diferentes escritores e editoriais coma Lunwerg, Libre Albedrío ou Penguin Random House forman parte da súa produción. ¿De qué tienes miedo? é a última parada dunha licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e máster en Arte e Comunicación pola USC que no 2010, tras gañar o premio de ilustración Pura e Dora Vázquez, deixou de traballar para outros no sector do deseño gráfico para lanzarse a vivir da ilustración nos ámbitos editorial e publicitario desde Santiago. A ilustración dun libro sobre Begoña Caamaño, a autora do Día das Letras Galegas 2026, e unha adaptación de «Mujercitas» serán as súas próximas novidades.

—Cuarto libro cento por cento da súa autoría e a súa primeira incursión no xénero do terror. Que a levou a estas paraxes escuras?

—Pois, como os tres anteriores, ve a luz por un encargo editorial. A editorial, coa que xa traballara noutras ocasións, ofreceume a posibilidade de facer un libro con temática de medo. Eu quería faltar do medo desde diferentes perspectivas: o medo na fantasía, no cine, nas lendas, ou en cousas mais de actualidade como a tecnoloxía ou a realidade. Porque hoxe en día temos medo á realidade e é algo bastante terrible, non si?

—Que atopará o lector en «¿De qué tienes miedo?»

—É un percorrido a través de diferentes palabras relacionadas co medo, desde o A de Animales ata a Z de Zombis, pasando por C de cementerios ou F de fobias. Un catálogo ilustrado que fala de diferentes medos en diferentes ámbitos. O formato abecedario foi a maneira que mellor me funcionaba para poder falar de cousas tan diversas. É un libro mais ben para adultos, pero que os rapaces a partir 12 anos poderían ler perfectamente.

—E de que ten medo Nuria Díaz?

—Son unha medorenta profesional. Os medos están aí desde que era pequecha. Como todos. Todos temos medos, o que sucede é que non nos gusta sentilos porque non son agradables. É una emoción básica, nacemos con medo. O medo é necesario para advertirnos dos perigos, pero tamén unha emoción que nos paraliza. A min paralizoume moitas veces; agora tento ir da man con el. Teño fobia a conducir, tamén me dá moito medo o mar, sobre todo non facer pé ou non ver o fondo mariño; e coas enfermidades e médicos tamén son bastante medorenta. Creo que son tipos de medos que moitos compartimos. O importante é saber cales son e coñecelos para poder vivir con eles.

—Os anteriores libros que ilustrou e escribiu centráronse nas figuras de tres grandes do cinema, Wes Anderson (2018), Alfred Hitchcock (2023) e Charles Chaplin (2024). Soñaba con ser directora de arte?

—A verdade é que nunca valorei ningunha saída profesional no mundo do cine. Para min o cine é un espazo de acougo, de emoción, de liberación e de inspiración. De pequena, o que me gustaba era debuxar planos de películas, sobre todo de películas de animación. O cine configurou dalgunha maneira o meu universo creativo. Pero gústame moito traballar soa, rindo máis, en parte polo meu carácter introvertido. Traballar nun equipo grande como no mundo do cine supérame un pouco. Inda que como ilustradora podería facer cousas: cartelería, storyboards…

—Desde fóra semella moi difícil poder vivir da ilustración. Vostede leva 13 anos facéndoo...

—É tremendamente complexo, cada vez mais. É unha profesión moi precarizada. Tiven moitas crises durante a miña carreira, máis dunha vez pensei en deixalo e dedicarme a outra cousa; pero a pulsión creadora é grande. No oficio da ilustración hai moitos medos: a non ser suficiente, a non poder manterte economicamente, a que non che recoñezan o teu traballo… Resulta moi complexo vivir coa incerteza constante de se terás ou non traballo. Os prezos que se pagan son baixos en comparación a como subiu o custe da vida, e cada vez hai que facer máis cousas, só con libros non vives. Logo, ten moitas cousas marabillosas. O que máis me gusta é poder dispoñer do meu tempo como quero, iso é xenial. E tamén podes traballar en diferentes proxectos: en libros, en publicidade, en animación, en videoxogos... A ilustración está en moitas partes. Algo moi bo é que te formas continuamente, e que podes traballar para calquera parte do mundo.

—Que traballo ou experiencia artística lle gustaría facer antes de ter que colgar os lápices?

—Son tantas cousas por facer… Sobre todo, gustaríame poder seguir vivindo disto, que xa bastante é. Logo, teño ganas de facer algún libro de ficción de autoría completa, xa que todos os que fixen ata o de agora son de non ficción. Tamén me gustaría lanzar a miña carreira no estranxeiro.