Valga e Prat de Comte estreitarán os lazos que tecen dende hai 25 anos arredor da caña

La Voz VALGA / LA VOZ

AROUSA

16 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde, José María Bello Maneiro, encabezou a embaixada valguesa que a semana pasada visitou a localidade de Prat de Comte, en Tarragona, para asistir á súa Festa de l’Aiguardent. Esta visita institucional serviu, ademais, para afianzar as relacións que ambos pobos manteñen dende comezos deste século, posto que os representantes dos dous concellos acordaron facer oficial o irmandamento que, de facto, xa se prolonga dende fai máis de dúas décadas. Bello Maneiro e o rexedor de Prat de Comte, Miquel Trilla, asinaron un acordo para formalizar o seu vínculo, que «nace da paixón compartida pola elaboración da augardente, tradición arraigada na historia e na identidade dos dous pobos». O obxectivo é continuar fomentando a amizade, a cooperación e os intercambios culturais, sociais e económicos entre Valga e Prat de Comte; promover e preservar as tradicións relacionadas coa destilación e a cultura da augardente; e impulsar iniciativas que reforcen os valores de convivencia e respecto entre as dúas localidades. Antes de formalizarse e facerse oficial, este irmandamento pasará polo pleno.

As primeiras relacións entre Valga e Prat de Comte, municipio da Terra Alta, remóntanse hai 25 anos, cando se celebrou a primeira Festa de l’Aiguardent, coa asistencia de cañeiros valgueses que exportaron á vila o seu sistema de destilado.