Unha monumental campá de luces iluminará O Regueiro durante o Nadal

La Voz A ILLA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Os operarios municipais comezaron esta semana os traballos de colocación da iluminación

11 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Non superamos aínda o ecuador do mes de outubro, pero algúns municipios do Salnés xa están comezando a instalar a súa decoración de Nadal. Vilagarcía foi un dos primeiros en facelo esta mesma semana, e onte uniuse a esta iniciativa o Concello da Illa.

O goberno local liderado por Luis Arosa presentou o seu plan de decoración para A Illa, que irá montándose de a poucos durante as vindeiras semanas, e que culminará o día 1 de decembro co acto de acendido oficial, un evento festivo, aberto á veciñanza e que contará con música e sorpresas para os máis cativos.

A rúa do Concello e o Regueiro serán os espazos máis destacados deste ambicioso plan. Na primeira instalarase a gran árbore de Nadal da vila, unha estrutura de máis de cinco metros de altura e luces de diversas cores. No segundo, colocarase unha monumental campá de microluces LED, coroada cun paraugas, tamén de luces, que será o gran símbolo da Illa durante estas festas. Os farois e a árbore da praza tamén serán xeitosamente decoradas.

A iluminación e os ornamentos chegarán a tódolos puntos da Illa, dende as rúas máis céntricas ata a ponte —na que se colocará un letreiro de benvida—, pasando polos barrios e prazas do municipio.

Arosa destacou a relevancia desta festividade para a vila: «Queremos que cada luz que se acenda na Arousa simbolice o espírito de unión, solidariedade e esperanza que nos caracteriza como pobo».

Finalizou asegurando cun sorriso que en absoluto tratan de facerlle a competencia a Vigo: «Non somos capaces... Pero este ano vai estar reñido!».