BATA xestiona a contratación un ano de 10 persoas con autismo ou discapacidade

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Imaxe de operarios dunha das brigadas de traballo de BATA Servicios Integrales a la Comunidad
Imaxe de operarios dunha das brigadas de traballo de BATA Servicios Integrales a la Comunidad Martina Miser

Os seleccionados incorpóranse ás brigadas de traballo da asociación que se ocupan de servizos de xardinaría e de medio ambiente para empresas e entidades públicas de Galicia

02 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Dez persoas con autismo e/ou discapacidade intelectual veñen de asinar un contrato de traballo dun ano de duración con BATA Servicios Integrales a la Comunidad no marco do proxecto Batalleiros por la Biodiversidad.

Cofinanciado polo Fondo Social Europeo FSE+ e canalizado polo Programa Empleaverde+ da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, a iniciativa de BATA permitiu a capacitación práctica de persoas desempregadas dos mencionados colectivos como operarios de recuperación e de conservación do patrimonio natural e dos ecosistemas marítimo-terrestres.

Durante os meses de maio, de xuño, de xullo e de agosto, os dez desempregados seleccionados recibiron un curso de formación teórica presencial nas instalacións do Centro de Día Abuela Esperanza de Vilagarcía de Arousa, de 270 horas de duración. O mes pasado, en setembro, aprenderon a parte práctica no propio posto de traballo. Un último paso antes de incorporarse ás brigadas coas que BATA Centro Especial de Empleo presta servizos de xardinaría e de medio ambiente a empresas e entidades públicas de Galicia, polas que asinaron un contrato laboral de doce meses.

Durante ese tempo, os dez novos empregados por BATA desenvolverán, entre outros, labores de eliminación e control de especies exóticas invasoras, roza e limpeza de zonas verdes e de espazos naturais protexidos ou a recollida e xestión de lixo mariño nas praias.