Cáritas converte a antiga reitoral da Illa nunha vivenda de acollida para ata once persoas
AROUSA
Pretende servir de panca de transición para familias que se atopen en situacións de ameaza de exclusión
11 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Cáritas vén de ampliar a súa rede de asistencia social na comarca de Arousa, nunha das frontes que maior nivel de alerta está a xerar: a falta de vivenda. Previa cesión por parte do Arcebispado de Santiago de Compostela, a ONG converteu a antiga reitoral da Illa de Arousa nunha casa de acollida.
Con varias habitacións e zonas comúns, o inmoble conta cunha capacidade residencial para once persoas e reabre adaptado para darlle un teito a dúas familias ao mesmo tempo. Unha necesidade básica acompañada dun servizo de integración sociolaboral, mediante a elaboración dun itinerario de inclusión personalizado. Así, os inquilinos da casa de acollida dispoñen de acompañamento profesional, formación en hábitos de convivencia e apoio para acceder a unha vivenda de alugueiro e a un emprego estable, pensando en reducir ao mínimo a necesidade da estancia nunha vivenda pensada como panca de transición desde a que reverter unha situación de ameaza de exclusión social.
O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto, e a directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, visitaron o martes a vivenda xunto a responsables de Cáritas Interparroquial de Arousa, a súa directora, Mar Viqueira, e o seu consiliario, David Álvarez, ademais de ao alcalde da Illa, Luis Arosa (PSdeG-PSOE).
Rede de máis de 200 prazas
Prieto bendiciu as instalacións, verbalizando a gravidade da problemática de partida: «La falta de vivienda es una de las heridas más dolorosas de nuestro tiempo, y esta casa es una respuesta evangélica concreta para abrir caminos de esperanza».
Coa da Illa de Arousa, Cáritas Diocesana de Santiago amplía a 222 as súas prazas de acollida temporal, repartidas nunha rede de 39 vivendas.