Arrinca un Revenidas de 40 concertos, con Hugo Guezeta para empezar a festaza
AROUSA
O cartel mestura bandas galegas e referentes internacionais, pero tamén a tradicional sardiñada popular e unha ampla oferta de actividades paralelas
11 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Vilaxoán prepárase para dar comezo a unha nova edición do Revenidas, que se prolongará ata o domingo cun total de corenta concertos e un programa paralelo de propostas gastronómicas e culturais. O festival abrirá as súas portas mañá xoves coa música como protagonista dende a primeira hora da tarde ata ben entrada a madrugada.
A encargada de poñer en marcha a xornada será A Duendeneta, unha auténtica institución do Revenidas, que ás 17.50 dará o sinal de saída coincidindo coa apertura de portas. Dende ese intre e ata as catro da mañá sucederanse as actuacións en dous escenarios diferenciados.
O cartel do primeiro día amosa o espírito diverso do encontro, que combina proxectos internacionais, bandas de longo percorrido no ámbito estatal e novos talentos emerxentes, sen esquecer a presenza da escena galega. Entre os nomes máis destacados atópanse os bosnios Dubioza Kolektiv, coñecidos polas súas propostas combativas e festivas, ou o punk rock sueco de The Baboon Show, que promete un directo cargado de enerxía. A xornada contará tamén coa banda neozelandesa Dick Move, co pop rock dos cataláns Buhos, con máis de 1.400 concertos ás súas costas, e cos extremeños Sanguijuelas del Guadiana, que están a gañar peso dentro da música estatal. No apartado galego, o público poderá gozar co son de The Rapants, así como coas propostas de Hugo Guezeta e Galician Army. A presenza local complétase coa selección musical de Carlos Crespo e Kris K Dj ao mando da Duendeneta.
O horario da primeira xornada establece unha cadencia continua de concertos: ás 18.20 abrirá o Escenario Galicia Hugo Guezeta, seguido de Dick Move no Escenario Vibra Mahou. Ás 20.20 chegará a quenda de The Rapants e, pouco despois, ás 21.35, será a vez de The Baboon Show. A media noite o público poderá seguir gozando co directo de Dubioza Kolektiv, que dará paso a Sanguijuelas del Guadiana e finalmente a Buhos, antes de que Galician Army peche a madrugada.