Onte xa se puido degustar a «paella xigante», pero hoxe no día grande do evento prevesne vender 3.000 quilos de produto
10 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Festa da Ameixa de Carril sempre é unha cita especial, pero a maiores, este ano celebra a súa 30 edición, polo que a organización decidiu facer un arroz meloso ou caldoso de ameixas e berberechos xigante, para poder dar 500 racións. Miguel Mosteiro, a persoa que cociñou onte pola noite esta proeza gastronómica, explica que non hai que confundir o prato cunha paella, se non que é «un arroz caldoso típico de Galicia».
Para cociñar usáronse 50 quilos de arroz, 30 quilos de ameixas e outros 30 quilos de berberechos. E aínda que o sofrito xa se fai con anterioridade e o arroz sérvese a partir das nove e media da tarde, o cociñeiro prendeu os fogóns arredor 20.00 horas, Xunto a outro pinche de cociña e unha persoa que axudou a servir as 500 racións, Miguel Mosteiro declaraba que o máis difícil é «non estragar o produto, porque o que sae de Carril é estupendo» e revelaba que a primeira culler de arroz é súa xa que «hai que comprobar que está ben».
A Festa da Ameixa de Carril celebra o seu día grande hoxe cunha previsión de 3.000 quilos de ameixa xapónica, o que dará para unhas 8.500 racións. Os boletos para poder degustar o produto estrela da zona xa se puideron comprar con anterioridade en Internet, pero hoxe pódense adquirir no propio recinto. A comida estará acompañada de actos oficiais como o pregón, que será dado por Carlos Blanco, ás 12.00 horas. E uns minutos máis tarde será recoñecida a labor de Ramiro Carregal, descrito pola cofradía como un «traballador incansable e un pioneiro no mundo conserveiro» e Josefa Arújo, unha muller que traballou no mar dende ben pequena. A maiores serán galardoados o Centro de Investigacións Mariñas e o colectivo LimpaArousa.