O Cambasóns volve os mércores ao Pazo de Torrado, na súa segunda edición

María Santamaría / A. G.

AROUSA

Mónica Irago

Red Tree e Brass Atlantic son algúns dos grupos que participarán no ciclo de concertos

29 jul 2025 . Actualizado a las 20:58 h.

Neste 2025 o Concello de Cambados e a concellería de Cultura volve celebrar o Cambasóns, un ciclo de jazz e outras músicas que xa o ano pasado tivo moi boa acollida por parte dos veciños e dos amantes deste tipo de mostras musicais. O cartel conta con ata catro concertos que se celebrarán os mércores ao longo de todo o mes de agosto nos xardíns do Pazo de Torrado, no centro da vila. Neste lugar crearase un ambiente moi similar ao do ano pasado: tranquilo e relaxado. As xornadas realízanse nun formato de clube onde as luces íntimas acompañan á música e o recinto contará cunha barra grazas á colaboración e o apoio da cafetería Café del Mar.

O mércores 6 de agosto o grupo Red Tree será o encargado de estrear o escenario dos xardíns do Pazo de Torrado, ás nove da noite. Á semana seguinte, 13 de agosto, os asistentes poderán gozar da música creada polo dúo de Terela Gradín e Luis Giménez, a primeira cantando e o segundo tocando a guitarra. O 20 de agosto será o turno de Brass Atlantic, o grupo composto por Saruna Pupelis, Rosolino Marinello, Ginés Guerra, Lolo Martínez e Noli Torres. E por último, os que terán o pracer de rematar este ciclo será Xurxo Estévez Trio, composto polo propio Xurxo Estévez, Suníl López e Dani Pimen. O Cambasóns é un evento que nace do ánimo da consellería de Cultura de que na vila haxa un «verdadeiro programa cultural ao longo que todo o ano».