O BNG recolle 500 sinaturas nunha soa mañá para reivindicar que a ambulancia medicalizada fique no Hospital do Salnés
AROUSA

Os nacionalistas chaman a cidadanía a secundar unha concentración o xoves para reclamar transparencia nas listas de agarda, nas que sitúan a máis de dez mil arousáns
11 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Co arranque do verán a tiro de pedra, o calendario dos servizos sanitarios na bisbarra do Salnés teñen un fito subliñado en vermello: o traslado da ambulancia medicalizada que durante o resto do ano ten a súa base no Hospital do Salnés e durante os dous vindeiros meses ficará en Sanxenxo, para dar cobertura aos municipios que experimentan un meirande medre demográfico asociado ás vacacións.
Esta práctica, que a Consellería de Sanidade ten consolidado logo de varias tempadas, recibe unha resposta inmediata por parte do BNG. A primeira forza da oposición en Galicia desenvolve dende hai días unha campaña de recollida de sinaturas para conseguir que esa ambulancia de soporte vital —ten asociada unha dotación de facultativo e técnico de enfermería, ademais de equipos avanzados para a atención a enfermos ou feridos críticos— manteña o seu servizo para toda a comarca dende Vilagarcía. Os nacionalistas non discuten a necesidade dun vehículo deste tipo que no verán funcione na banda de Sanxenxo e O Grove, pero argumenta que a súa cobertura non debe minguar a do resto do territorio de Arousa, polo que solicita que, de ser preciso, se lles dote dunha ambulancia a maiores.
Os representantes do Bloque en Vilagarcía, cos concelleiros Xabier Rodríguez e Rosa Abuín á fronte, ficaron onte no entorno da praza de abastos, coincidindo co desenvolvemento do mercado tradicional. O interese que a súa iniciativa espertou entre a cidadanía reflectiuse no número de sinaturas que foron quen de recoller en apenas unha mañá, e se eleva por riba do medio milleiro.
A formación nacionalista anima, ademais, aos arousáns a secundar a concentración que este xoves terá lugar ás portas do Hospital do Salnés ás 11.45 horas. O seu obxectivo é «reivindicar unha xestión transparente das listas de agarda e a creación dun plan de xestión». Segundo os seus cálculos, na área do Salnés hai arredor de 10.108 persoas en listaxe de agarda, sen contar as listaxes de tipo non estrutural.