O Concello investirá trinta mil euros no arranxo de varios problemas na Casa da Cultura de Vilagarcía
21 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Xunta Local de Goberno desta semana aprobou o proxecto para levar a cabo novas obras na sala Rivas Briones, así como na fachada do edificio que a alberga. Xa no pasado mes de febreiro se destinaran 5.000 euros ao arranxo dos canlóns e outras actuacións para paliar as filtracións de auga, sumándose aos 30.000 destinados á nova reforma.
A Casa da Cultura presenta dende hai anos problemas de humidade e filtracións que se trataron de paliar con diversas obras de saneamento e pintado, tanto no tellado como no interior do edificio. A raíz das últimas actuacións levadas a cabo a principios de ano, os operarios municipais detectaron que se precisaba unha acción máis profunda para tratar de pór solución definitiva a este problema.
A empresa adxudicataria da reforma fará dúas actuacións complementarias. Farase unha inversión total de 15.100 euros para reparar o lucernario da Sala Briones, que ademáis de filtrar auga, sufre un deterioro notable.
Por outro lado, a segunda parte das obras afecta á fachada exterior e ao pórtico de entrada, nos que se investirán 14.200 euros. Levarase a cabo un selado das pedras con resina e aplicarase un impermeabilizador para evitar a fuga de auga. Ademáis, pintaranse tanto a fachada como o pórtico de entrada, así como os balcóns do edificio.
Ambas operacións requerirán da monta de varios andamios para o desmonte das chapas e o saneamento da estrutura, ademáis do uso dunha máquina elevadora para a fachada exterior.
A previsión é que as actuacións de reforma se desenvolvan entre o mes de xuño e xullo, o que obrigará a cancelar a actividade no recinto expositivo, que terá que baleirarse por completo por cuestións de seguridade.
A Concellería de Cultura considera imprescindible reprogramar unha das exposicións que inicialmente estaba prevista para os meses nos que se desenvolverán as obras de reforma, co obxectivo de garantir a seguridade tanto das persoas como das propias obras expostas.
A pesar destas interrupcións, outras dependencias do edificio, como o Salón García e a antiga biblioteca, continuarán coa súa programación habitual, xa que as obras están deseñadas para compatibilizarse co desenvolvemento normal das actividades.