Xoán Allegue, de Martín Códax Viticultores: «No Ulla non se trata só de producir uva, senón de crear valor social»

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Reitera que o seu proxecto busca xerar riqueza e combater o abandono

03 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O desembarco de Martín Códax Viticultores na subzona do Ulla está a espertar algunhas críticas. Pero o seu presidente, Xoán Allegue, ten claro que estas se deben a que non se coñece ben o que están a facer. O seu é un proxecto cooperativo, insiste, que busca xerar riqueza na zona e converter ao viñedo nun motor económico. Trátase dunha comarca cunha longa tradición vitícola que estaba a perder actividade agraria en favor do abandono.

—Por que decidiron buscar terreos no Ulla?

—É unha zona de Rías Baixas que aporta unhas particularidades e características diferentes ás do resto. E que nos encaixaba no noso proxecto. Esa frescura diferente que dá o Ulla non a tiñamos incorporada e nos parecía unha zona interesante para explorar, aínda que xa tiñamos na zona algún provedor. Vimos nel unha oportunidade real de aplicar o noso modelo cooperativo, sostible e colaborativo, respectando o minifundio e implicando á veciñanza no desenvolvemento do proxecto. Non queriamos só producir uva, senón contribuír a revitalizar a zona, dinamizar o territorio e integrar unha nova expresión do albariño que complemente e enriqueza os nosos viños.

—O Ulla estase a converter en zona de interese para grandes adegas, o seu proxecto é diferente?

—Tanto no Condado, como no Salnés e tamén no Ulla os proxectos son totalmente diferentes. Hai adegas que decidiron ir alí e fixeron cousas que nós non valoramos. Nós valoramos facer as cousas desde o local, porque Martín Códax é cultura do viño. No Ulla había unhas características de territorio e viticultura e pretendemos cooperar con todos os propietarios e integralos. Aquí non hai só unha empresa que gaña, aquí gañan os viticultores, os propietarios e moita xente. Tiñamos claro que non queríamos alterar a estrutura da terra, que nos tiñamos que adaptar ao terreo e ir a un aluguer, non mercar. E iso foi o que fixemos.

—Que buscan exactamente con este proxecto no Ulla?

—Nós non entendemos que en Galicia se estea a abandonar a agricultura. E parece que o sector do viño supón un respiro para todo ese abandono. Para nós, o Ulla é unha zona moi interesante, que xa xustificou as súas boas condicións para o cultivo do viñedo. E consideramos que era una zona moi boa para estender o proxecto de Martín Códax. Os viños do Condado, do Salnés.. xa se fixeron un oco nos mercados e creemos que os viños do Ulla poden ter tamén a súa idiosincrasia. O noso proxecto aglutina os intereses doutros veciños da zona, incluso hai un proxecto de enoturismo arredor do noso e poden aparecer outros máis. Buscamos construír a medio e longo prazo un modelo que respecte o territorio e que xere oportunidades reais para a xente que vive nel. Non se trata só de producir uva, senón de crear valor social e económico desde o rural.

—Díxose tamén que o seu é un proxecto especulativo.

—Aquí non se pode falar de especulación. O noso é un proxecto cooperativo e compartido. Queremos adaptarnos ás características da zona. E creemos que, a partir de aí, se van crear sinerxias que permitan poñer en valor esa zona. Queremos ser unha alternativa ao abandono. Creemos que as críticas teñen a óptica errada. O que fixemos foi converter o abandono nun motor económico. E estamos animando a que se creen proxectos locais arredor dos nosos viñedos.

—Tamén din que van acabar co monte para poñer viñedo.

—Hai que contextualizar ben a situación. Estase a falar de catro parcelas, dúas delas pertencentes ao mesmo propietario, que suman arredor de 20 hectáreas nas que se solicitou un cambio de uso de forestal a agrícola. Nese lugar, o propio propietario está a promover un proxecto de enoturismo con moita personalidade e futuro, que terá como eixo central o viñedo que alí se vai plantar. A finca conserva unha antiga construción e mesmo dous lagares, testemuñas dunha tradición vitícola que formou parte da identidade da zona e que agora se quere recuperar con respecto e coherencia. Aquí non se trata de acabar co monte, senón de revivir unha actividade agrícola con sentido, planificación e respecto polo que xa existe.