Martín Rey ascende ao terceiro posto da clasificación provisional da Copa de España

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O ciclista vilagarcián subiuse ao podio da Clásica de Valladolid

30 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O rodador vilagarcián do Club Ciclista Padronés Cortizo, Martín Rey, ocupa desde esta pasada fin de semana o terceiro posto na clasificación provisional da Copa de España, o conxunto de carreiras que cada ano ditamina o nome do mellor corredor e do mellor equipo do pelotón elite e sub-23 do estado, a antesala do ciclismo profesional. Un salto sustentado na estratexia do director deportivo do seu equipo, Marcos Serrano, para rebelarse contra o tradicional argumento dun final con chegada masiva á liña de meta na Clásica de Valladolid lanzando a tres homes, Martin Solhaug, Samuel Flórez e o propio Martín Rey á aventura cando só transcorreran 5 dos 160 quilómetros do percorrido da carreira vallisoletana.

A demarraxe do trío do Cortizo foi respondida por outros quince efectivos. Liderados polos homes de Marcos Serrano, chegaron a dispoñer de máis de tres minutos de vantaxe, mantendo minuto e medio no último paso por El Portillo. Só a vitoria final de Albert Roca, corredor do MP Group, no esprint reducido no que se dilucidou a carreira evitou a festa total do Padronés, con Solhaug entrando segundo, Rey terceiro e Flórez quinto nun grupo cabeceiro sen os dous líderes da clasificación da Copa de España.

José María Martín, do Extremadura Pebetero, con 328 puntos, e César Pérez, do Finisher, con 299, volverán ser este xoves, na Santikutz Klasika vasca, os referentes do pelotón elite e sub-23, só que con Martín Rey postulándose como alternativa, con 296.