A economía, como todo na vida é cíclica, e parece que as previsións dos distintos organismos prevén que estamos tocando teito
07 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A economía, como todo na vida é cíclica, e parece que as previsións dos distintos organismos prevén que estamos tocando teito, así este ano 2023 pechouse como o ano co menor dato de desemprego da historia na nosa comarca, pero como na economía mundial existen factores que comezan a indicar un cambio de ciclo (comercio internacional en risco pola escalada bélica no Mar Vermello, deflación en China, o estancamento da economía en Alemaña...) tamén comezamos a ler novas nos xornais na comarca que facía moito tempo que non escoitabamos, e como dicía o refrán, cando vexas as barbas do veciño...
Veñen meses moi duros para os 136 traballadores de Atunlo que van quedar sen traballo polo despido colectivo de tódolos traballadores da súa factoría no Grove; esperemos que esas malas novas non cheguen tamén a factoría de Cambados.
Veñen meses moi duros para os rañeiros da ría de Arousa, que teñen que buscar traballo en terra por que o mar xa non dá para vivir.
Veñen meses moi duros para o noso comercio local xa que o apagado das luces de Nadal vai levar por diante varios comercios na nosa comarca; unha vila sen comercio nas súas rúas é unha vila sen vida. Vemos como comercios de toda a vida teñen que reformularse para poder sobrevivir, pasando do mostrador a TikTok, pero non todos son capaces de adaptarse a estes novos tempos.
Vivimos nunha sociedade que cada vez consume máis online; que fai colas para ir a unha nova cafetería, non para desfrutar dun bo café se non para subir as fotos do local nas redes sociais; unha sociedade que viaxa sen problemas unha fin de semana a calquera capital europea, pero ten problemas para afrontar un gasto imprevisto como pode ser cambiar unhas gafas graduadas ou ir ao dentista para poñer un implante.
Esperemos que as previsións de ralentización da nosa economía queden niso, en meras previsións, e que a nosa economía resista uns anos máis, e que os Reis Magos viñeran cheos de saúde, de amor e tamén de moito traballo.
Por que, como dixo J.P. Morgan, se os economistas superan o que vai pasar estarían comprando accións en lugar de vendernos as súas previsións.