A escritora Isabel Blanco presenta «Bambú» na sala de conferencias do auditorio
AROUSA
O acto será hoxe, ás oito da tarde, e nel participarán a autora, Sonia Outón e Arantxa Treus
20 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A sala de conferencias do auditorio de Vilagarcía acollerá hoxe venres a presentación do último traballo literario de Isabel Blanco, Bambú. O libro, publicado pola editorial Belagua Edicións, é unha alegación contra a violencia patriarcal. Na presentación, Isabel Blanco estará acompañada pola concelleira de Cultura de Vilagarcía Sonia Outón, e o acto contará coa actuación da actriz Arantxa Treus.
«Bambú é un artefacto que golpea e remove as conciencias a través da voz dunha muller que percorre os espazos dunha casa onde se respira o ambiente opresor da violencia exercida polo pai de familia, desde o berce, pasando pola cociña, o corredor, a sala de estar, ata o balcón, onde unha planta de bambú actúa como elemento protector. Nesta obra, contido e continente van da man para crear ese artefacto que, como petardo, mina ou granada, explota nas conciencias e non deixa indiferente a ninguén, xa que a obra se presenta nunha singular edición que, entre outros detalles, leva incorporado un plano da casa despregable, realizado pola arquitecta Pepa González», explica Ravella.
Isabel Blanco é avogada especializada en dereito matrimonial e de familia, violencia de xénero e menores, e publicou o seu primeiro libro en 2012. Dende entón ten unha prolífica produción literaria.