Os Ingleses colidera a Liga de Primeira Galega tras apabullar o Muralla na primeira xornada (49-18)

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Co bonus ofensivo iguala co Campus Ourense no alto da táboa

17 oct 2023 . Actualizado a las 13:52 h.

Os Ingleses R.C. abríu o pasado sábado a súa participación na Liga Galega de Primeira División Masculina de rugbi cun triunfo incontestable a costa do Muralla de Lugo: 49-18. Incontestable na segunda parte, porque na primeira o cadro da cidade das murallas presentou dura oposición, respostando a cada golpe recibido do seu anfitrión no campo de atletismo de Fontecarmoa.

Adrián abriu o marcador cun ensaio no minuto 6, e Smith reducía diferenzas cun puntapé de castigo (5-3), Amor deu o primeiro estirón cun ensaio completado coa transformación de Brea (12-3) e David Otero se ocupou de volver a reducir a desvantaxe co primeiro dos tres ensaios visitantes (12-8). E así, nun toma e daca continuo, chegouse 17-13 ao descanso.

Á volta de vestiarios, Os Ingleses non lle deu a menor opción ao Muralla, con media ducia de ensaios redondeados cunha transformación de Collazo. Prado e Amor reabriron as hostilidades, 27-13 e Braz da Silva foi o último lugués en anotar, 27-18, con 32 minutos inda por xogar que se lles acabaron por facer eternos aos rugbieres do Muralla toda vez que o cadro vilagarcián deixara xa todo sentenciado a un cuarto de hora do final cun 39-18. Os Ingleses lidera a Liga tras a primeira xornada xunto co Campus Universitario Ourense, con 5 puntos ao sumar o bonus ofensivo.