Alberto Varela: «Chegaremos a acordos con todos os grupos, pero será máis doado co BNG»

Antonio Garrido Viñas
Antonio Garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O alcalde socialista de Vilagarcía lembra que non é a primeira vez que ten que gobernar en minoría

08 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Alberto Varela afronta o seu terceiro mandato e, como no primeiro, faino sen maioría absoluta. Algo que lle obrigará a chegar a acordos que parece bastante seguro que acadará.

—Hai cambio de hábitos ao ter que gobernar en minoría?

—Seguimos intentando traballar do mesmo xeito que o fixemos sempre. Son moitas as xuntanzas que se fan con asociacións veciñais, culturais, deportivas... E tamén intentando chegar a acordos cos grupos políticos da oposición, pero para chegar a entendementos ten que haber reciprocidade. Amosámolo no primeiro mandato, no que gobernamos en minoría. Chegamos a entendementos e sacamos todas as cuestións adiante. E volveremos amosar que somos quen de chegar a acordos. Foron cen días moi intensos, porque a Administración en moitas ocasións é máis lenta do que nos gustaría e hai moitos proxectos que estaban en marcha e rematarán agora, e moitos que están en licitación.

—Mudou o comportamento da oposición, agora que non hai maioría absoluta?

—Vexo unha parte da oposición que vai facer o mesmo de sempre: tratar de desgastar o goberno. Incluso o Partido Popular, con tal de desgastar o goberno local, defende cousas que non son xustificables, como o ninguneo da Xunta de Galicia a Vilagarcía xustificando investimentos que empezan a facer agora, pero que tiñan que estar feitos hai moitos anos. Esquerda Unida vai estar na liña de sempre, non esperamos ningún tipo de cambio porque é o seu estilo, e o BNG, dende logo, xa o dixemos dende o principio, será un socio prioritario, se queremos chamarlle así. Proba diso foi o último pleno, no que se aprobaron os remanentes. A maioría, por certo, para investimentos no rural e aqueles que están coa teima de que non se inviste no rural, por exemplo o PP ou Esquerda Unida, chegou o pleno e non apoiaron eses remanentes.

—Fala do BNG, e confesaba o seu portavoz municipal hai uns días nunha entrevista neste xornal, que si hai esa sensación de que pode ser un socio fiel, pero que o acordo co PP no asunto das liberacións non lles sentara moi ben. Por que decidiu pactar co PP e non co BNG neste asunto?

—O acordo ao que se chegou en Vilagarcía no pleno organizativo é o que establece a lei, e é igual que en todas as cidades galegas. Intentouse integrar a todas as formacións políticas e por cuestións, penso que pequenas, non se chegou a un acordo, pero foron moitas as reunións para facelo extensivo a todos os membros da corporación. O que non é entendible é o que pasou na Deputación, onde non se deu opción á oposición de ter ferramentas para poder traballar, sexa con liberacións ou con persoal eventual.

—Xa, pero non contestou a por que escolleron a opción do PP no canto da do BNG...

—Porque había diferenzas substanciais entre o que se falaba con uns e o que se falaba cos outros. Nas negociacións tratouse de chegar a acordos. Eles terán que explicar os seus motivos, pero si que se lle ofertou estar na Mancomunidade do Salnés e darlle relevancia ao BNG. No mandato poderemos chegar a acordos con todas as formacións políticas, pero seranos máis doado co BNG porque temos posicións máis coincidentes.

—Falou do rural e do cambio no servizo de recollida de lixo. Dous dos asuntos nos que reciben máis críticas da oposición...

—O dato mata o relato. O 60 % dos investimentos que se fixeron nestes oitos anos foron en zonas rurais ou periurbanas. Máis de dez millóns de euros. E polo que atinxe ao cambio da empresa de recollida de lixo, está a haber desaxustes na implantación. A empresa sábeo, porque se lle transmitiu, e están en camiño de liquidalos. Hai que dar tempo a que todos os recursos aos que lles obriga a licitación estean en marcha. O cambio vaise notar.

—Non é mal momento para ser alcalde. A renovación do pavillón de Fontecarmoa está en marcha, a inauguración da biblioteca, moi preto, e ata parece que se vai acabar co cadillo...

—Eses investimentos chegan agora, pero levamos traballando moitísimo tempo neles e con dous apuntes importantes. Facémolo cunhas contas saneadas, tendo menos débeda da que recibimos, e buscando os fondos fóra. Grazas aos fondos da Deputación e aos europeos chega a transformación da nosa cidade

—Preocúpalle que o cambio na Deputación afecte a Vilagarcía?

—Non entendería que nin sequera se pensase en eliminar o reparto dos fondos a todos os Concellos con criterios obxectivos. Trasladeillo hai uns días ao presidente da Deputación. Para nós a Deputación foi un aliado estratéxico e non se entendería que volvésemos a aquela política do PP de que os fondos se daban se eras amigo. O que dixo o presidente é que estivésemos tranquilos, que haberá un reparto obxectivo dos fondos.

—O máis inmediato deberían ser os orzamentos.

—Hai que saber as ferramentas coas que se pode traballar. Xa estamos a planificar e estamos a piques de poder empezar ese diálogo para poder sacar os orzamentos adiante, pero algo que se lle trasladou á oposición, e que non queren entender, é que nestes días comezará a traballar un novo interventor e que durante moito tempo estivemos sen o persoal necesario. Seguro que sacaremos os orzamentos adiante. Iso si, agardo que todos os que levan mocións ao pleno pedindo melloras, á hora de levalas adiante non fagan o mesmo que cos remanentes.

—En todo caso, haberá conversas previas coa oposición antes de ter o documento listo?

—Sempre as houbo. Esas conversas teñen que ser bidireccionais. Non é a primeira vez que non temos unha maioría. Este é o terceiro mandado e só nun tivemos maioría absoluta. Somos quen de chegar a acordos, porque así xa o amosamos, pero ten que haber vontade por todas as partes.

MONICA IRAGO

«Moi poucos investimentos dos últimos anos en Vilagarcía levan o nome da Xunta»

As relacións coa Xunta non parecen moi boas. Varela, explícao

—Como están as relacións coa Xunta? Semella que hai problemas co centro de saúde e co albergue de Carril...

—O problema é cando unha Administración trata de ningunear unha cidade, como está a pasar. Semella que custa moito máis facer investimentos en Vilagarcía que no resto das cidades galegas. Quedamos sós na defensa dese centro de saúde. As informacións que temos son que se está a ultimar o proxecto e agora tócalle á Xunta licitalo. E co do albergue é incrible ter que escoitar o presidente da Xunta que o albergue non podía entrar na rede pública porque non estaba nun Camiño oficial. Supoño que foi un erro, pero un erro moi grave. Non é certo que teña deficiencias estruturais. O que parece é que non teñen moitas gañas, por cuestións políticas, de que Vilagarcía poida aproveitarse do retorno económico do Xacobeo. Poucos investimentos dos últimos anos levan o nome da Xunta. O colmo é que traten de poñer obstáculos ás obras que están feitas.

—O PXOM é o gran reto pendente...

—Pasou por moitos avatares. Foron moitas as pelexas, pero estamos pendentes dun só informe sectorial, que é o de Carreteras. Cando estea listo teremos ocasión todos os grupos da corporación de aprobar inicialmente ese plan xeral. Este ten que ser o mandato no que se aprobe.

—Hai dez días houbo mil nenos andando en bicicleta polas rúas de Vilagarcía, pero a polémica sobre as ciclovías segue aí.

—A política está tan polarizada que se están a considerar cousas de esquerdas e de dereitas que non deberían ser así. Non hai máis que ver o que está a pasar en cidades que estaban a ser referencias en políticas de mobilidade, como Valladolid ou Logroño Non debería ser unha cuestión ideolóxica. Europa está a limitar o acceso dos vehículos en cidades de máis de 50.000 habitantes. Vilagarcía ten preto de 40.000. Estou convencido de quen nuns anos verase a bicicleta como un medio de transporte.

—E xa, para rematar. Dise do alcalde que estaba desaparecido e que agora reapareceu.

—É curioso porque hai unha característica na maioría dos grupos da oposición: soamente se reúnen cos colectivos durante a campaña electoral. Aí si que están moi activos. Nós estamos presentes todo o ano, e non só o alcalde, porque somos un equipo de traballo.