Da contaminación turística que non cesa

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

Rafael Sanmartín

Esa actividade non o é todo economicamente e por iso hai que buscar a compatibilidade e a preservación dos recursos e das riquezas comúns

01 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Como dicía aquí o domingo pasado, a actividade turística é esencial. Éo particularmente no Grove pola súa situación xeográfica privilexiada e pola especialización económica —Toxa, urbanizacións, hoteis, gastronomía, natureza— xa clásica dese municipio. É tan importante que todos os demais sectores gardan relación con el, directa ou indirectamente. Pero tampouco se lle pode escapar a ninguén que esa actividade turística, estacional, ás veces complementaria, non o é todo economicamente e, por iso, hai que buscar a compatibilidade do turismo cos dereitos dos residentes, co xeito e a calidade de vida dos veciños e coa preservación dos recursos e das riquezas comúns —patrimonio, praias, cultura, mar, paisaxe—. Esta riqueza colectiva actualmente está en perigo por causa non só dunha especie de respecto reverencial ao turismo, senón por non pórlle límites, nin regulalo de ningún xeito, de maneira que se asume o erro de que a capacidade de absorción de turistas é infinita e que teñen dereito absoluto a utilizar, consumir eses recursos comúns e, ademais, co criterio de facelo o máis aproximado a de balde e, polo tanto, a cargo dos residentes. Iso non pode seguir así. Voulles poñer un exemplo para o que resulta sumamente didáctica a fotografía que leva esta columna, autoría de Rafael Sanmartín, apaixonado da natureza mariña. Resulta evidente que o turista no destino emprega servizos públicos. Por exemplo, precisa estradas e beirarrúas, consume auga ou alumeado público, carga a rede de sumidoiros, válese da sinalización, da policía local, dos servizos de limpeza ou de recollida de lixo; en xeral de todo tipo de instalacións e servizos. É dicir: o turista ten os mesmos dereitos que o residente e xera custes, non só por termos que manter os atractivos turísticos senón tamén porque as Administracións Públicas vense na obriga de aumentar servizos e traballadores durante a temporada estival. Pero hai infraestruturas —por citar: estradas ou aparcadoiros— e servizos que non se poden incrementar no verán, e que resultarían suficientes para os residentes por estaren proxectados para o número de veciños. O incremento do seu uso por mor da afluencia turística incontrolada supón a necesidade ou dun investimento previo superior ao que precisarían os contribuíntes locais ou asumir que resultarán escasos nos momentos álxidos e, como consecuencia, ou se producen danos ou alguén quedará privado desas instalacións ou servizos. Vou co exemplo. No lugar do Espiño, en San Vicente do Grove, construíuse unha Estación Depuradora de Augas Residuais agora xestionada polo Concello; sendo a poboación ordinaria do lugar de menos de 2.000 habitantes deseñouse para 8.000 persoas e cun caudal máximo de 230 metros cúbicos por hora; púxose en funcionamento en 1999; recolle augas residuais de San Vicente, das súas urbanizacións e de cámpings —incluíndo aqueles con licenza para centos de persoas e que acollen varios miles—; verte directamente a auga que tería que saír depurada ao mar na zona do Seixeliño-Pedras Negras ou, como lle denomina Augas de Galicia, na masa de auga Cíes Ons; nesa EDAR, en teoría, as augas sométense a un pretratamento con diversos cribos, a un tratamento primario físico químico, a un secundario por leitos inundados e a un avanzado para, basicamente, eliminar nitróxeno, aínda que a liña de lodos está calculada só para 2.000 habitantes. Pois ben: miren a fotografía tomada o sábado 26 de agosto de 2023, idéntica a outra serie de días anteriores e seguintes. Verán unha gran mancha branca que sigue a liña da tubaxe de vertido: é auga contaminada que se evacuou durante días na Enseada da Lanzada, un dos principais bancos marisqueiros, por exemplo, de navalla —non sei se tería relación coas cunchas que se viron polas praias neses días—, e zona de pesca. Esa EDAR non está prevista para a ocupación turística real que, sen control, nesa semana ateigou esa parroquia ata facela invivible. A EDAR verteu augas residuais contaminadas no mar, común pero sobre todo dos que viven del todo o ano. Turismo si, sen dúbida: énos necesario; pero canto e cal turismo e quen paga os danos, sobrecustes e multas?. Os turistas, como é propio, fóronse. E digo eu que o mar bravo da Lanzada fará que as navallas da Festa do Marisco estean ben saborosas.