Partidos e voces de renome están a dicir que a amnistía non cabe na Constitución; non é certo
10 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Nas xornadas do 2008 sobre Memoria Histórica organizadas no Grove coa dirección infatigable de Xan Caneda, tiven ocasión de falar das pexas da lei de Amnistía de 1977, que sigue impedindo xulgar delitos contra os dereitos fundamentais das persoas cometidos por autoridades, funcionarios e axentes da orde pública; os responsables van finando e esa norma conseguirá os seus obxectivos, polo si ou polo non. Foi reformada minimamente en 1984 e a nova Lei de Memoria Democrática de 2022 mantena expresamente e só establece como interpretala. Aí sigue: contradicindo principios xurídicos internacionais e, en particular, ao Convenio contra a Desaparición Forzada das Persoas. O 27 de xullo deste 2023 o Comité da ONU sobre a Tortura aprobou un novo informe relativo a España no que celebra algúns avances da nova Lei de Memoria Democrática, pero lamenta que non elimine obstáculos para a investigación de graves violacións de dereitos humanos, como os actos de tortura e as desaparicións forzadas, por impedilo a Lei de Amnistía de 1977. Reitéralle a España que ten que adoptar medidas para garantir que eses actos de tortura e as desaparicións forzadas non poidan nin considerárense amnistiados, nin incorreren en prescrición e pide que se derrogue a Lei de Amnistía. É dicir: O Estado español mantén vixente a lei de Amnistía de 1977 tolerando que os crimes contra a humanidade cometidos antes de 1977 se consideren perdoados, cando os Convenios Internacionais asinados por España establecen que eses delitos non poden ser esquecidos nin amnistiados. Despois das eleccións do pasado 23 de xullo e con motivo das negociacións para a elección dun novo Presidente do goberno central, a amnistía entrou de cheo nas conversas políticas para borrar os delitos, non foron crimes contra a humanidade, cometidos en Cataluña con motivo da declaración de independencia. Partidos e voces de renome están a dicir que a amnistía non cabe na Constitución. Non é certo, tanto porque a Lei de Amnistía de 1977 está admitida polo Estado como parte do ordenamento xurídico, como porque a Constitución non di nada da amnistía. E se a Constitución non menciona a amnistía, non a prohibe. Para que se me entenda, hai tres tipos de prerrogativas de gracia —de perdón—: O indulto individual, o indulto xeral e a amnistía. Son figuras diferentes: os indultos son actos do Goberno. O primeiro ata é habitual, é un acto que favorecerá a un individuo que cumpra unha serie de requisitos; o segundo, o indulto xeral, está expresamente prohibido pola Constitución (art.62.i CE). E a amnistía, que comparte a característica de medida de gracia, non pode ser un acto, non a pode acordar o Executivo: só se produciría por Lei Orgánica, porque afectaría a outras leis con ese rango e, polo tanto, tería que ser aprobada por maioría absoluta do Poder Lexislativo. Tramitar esa Lei Orgánica para amnistiar aos condenados do procés tratarase dunha decisión política —acertada ou non— tomada na sede da soberanía popular. Ten encaixe constitucional porque sería unha lei penal favorable —art 9.3 CE—. As voces que manifestan que a amnistía non cabe na Constitución desacórdanse, por unha banda, de que está en vigor unha Lei de Amnistía que cancelou —aínda que un entende que non pode producir ese efecto— os delitos do franquismo —incomparablemente máis graves— e por outra que a Constitución non prohibe unha Lei de Amnistía. Sen saber moi ben por que, véñenme á cabeza dúas anécdotas e non sei con cal rematar. Aí van: a de Groucho Marx: -Estes son os meus principios. Se non lles gustan teño outros. E a outra: Un home modesto lucía un Rolex falso e uns recoñecíanllelo como tal e outros queríanlle pagar unha fortuna polo reloxo; cando lle preguntaban por el dicía: -Tenche días. Non sei se me explico.