O ciclo abrirase o día 23 deste mes coa posta en escena da montaxe da compañía Caramuxo «A nena que vivía nunha caixiña de mistos»
29 ago 2023 . Actualizado a las 21:24 h.Pasado verán, ou a piques de que pase, regresa o teatro o auditorio de Vilagarcía. Será coa programación deseñada a través do convenio cultural firmado entre el Concello e a Axencia Galega das Infraestruturas Culturais (Agadic) para o segundo semestre do ano. Un convenio que permitirá que entre os meses de setembro e novembro se representen en Vilagarcía catro obras teatrais. «Catro compañías galegas porán en escena os seus últimos espectáculos. Unha variada oferta de xéneros con obras dirixidas a públicos de diferentes idades das que se poderá gozar ao prezo reducido de 5 euros (máis custes de xestión na venda anticipada a través de www.ataquilla.com). Mantense a entrada bonificada a 3 euros para os colectivos de persoas maiores, desempregados e titulares do carné xove», explica o Concello.
O ciclo abrirase o día 23 deste mes coa posta en escena da montaxe da compañía Caramuxo A nena que vivía nunha caixiña de mistos. Unha obra pensada para un público familiar e que está baseada no conto de Andersen A vendedora de mistos. Trátase dunha poposta de teatro de actriz e moncreques, case que sen palabras, pero con música en directo. O día 30 de setembro será a xeira da compañía Amorodio Teatro, que porá en escena A nai e que lembra a historia das irmás Touza. Lola, Amparo y Xulia salvaron a vida de más de cincocentos xudeus.
Quica Cadaval dirixe O porco de pé, baseada no texto de Vicente Risco co mesmo título. «Por esta viaxe á fascinante década dos anos 20 do século XX pasarán, como nunha lanterna máxica, anarquistas, esportistas, agraristas, proxenetistas, golpistas, vanguardistas, caciquistas, futuristas, pasadistas e presentistas», explica o Concello da obra que se representará o 11 de outubro.
«O Deus do Pop»
O ciclo rematará o 25 de novembro con O Deus do Pop, unha proposta autobiográfica pero tamén fantástica na que o autor, Diego Anido, reflexiona sobre como cada persoa crea un relato para conformar a súa identidade coas vivencias pasadas e desexos futuros.