Da historia da propiedade da Torre de Escuredo

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

Martina Miser

A propiedade da Torre de Escuredo está dividida en seis partes en diferentes proporcións

09 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A fermosísima Torre de Escuredo está maldita polos cartos. Sofre ese meigallo. A súa historia é a de sucesivos fracasos económicos, mentres se creaba nela literatura, pintura, poesía; e agora, caendo, non lle recoñecemos que foi templo do arte nin ela, que parece condenada á ruína, foxe dese maleficio, enleada nunha negociación económica que non parece doada, tanto pola diferenza de taxación entre propietarios e Concello como polo fraccionamento da propiedade.

Esa división actual ten o seu percorrido cheo de nomes ilustres e artistas. Empeza en 1862 coa compravenda da parcela completa, —onde hoxe está a Torre máis o edificio estremeiro polo norte— por Luis Mestre Roig a Deogracias Fernández de Soutomaior e aos irmáns deste, titulares do chamado Pazo da Carrenla e cunha actividade económica vencida polo tempo. O comprador, enriquecido en Cuba, falecido no 1891, testou declarando sucesores os seus fillos Luis Antonio, casado con Rafaela Lens González, e Luisa Mestre Hernández, viúva. Na partición da herdanza de 24 de xaneiro de 1893, estes herdeiros segregaron a finca en dúas: Para Luis Antonio a metade do sur, cunha casa de 136 metros cadrados, con escaleira de pedra de acceso á horta destinada a xardín, viñedo emparrado en columnas de pedra, dous pozos provistos de bombas, píos e lavadoiro de cantería con cubertos de madeira de piñeiro, tres alpendres pequenos e un hórreo, nun total de 1.542 metros cadrados. A capela quedou por metades entre os dous herdeiros.

Luis A. Mestre faleceu o 8 de abril de 1921 sen testar e o xulgado declarou herdeira a filla co usufruto da nai. Luisa Mestre Lens e Rafaela Lens repartiron a herdanza quedándolle á viúva en usufruto a terceira parte da Torre e á filla a propiedade, por partilla de 1922. Esta herdeira, despois dunha traba, viuse na obriga de hipotecar o inmoble a favor do alcalde do Grove Antonio Aguiño Pérez, tamén representante bancario, cun préstamo dun millón de pesetas; as dificultades obrigárona a vendelo o 30 de setembro de 1938 a Elisa Lage Goberna, casada con Eugenio Escuredo Lastra. A compradora manifestou que o prezo pagado era privativo dela, pero inscribiu o inmoble a favor do seu matrimonio.

Deseguido modificouse a edificación —tamén aparece aumentada a superficie da finca nuns douscentos metros máis— para describila como un chalé —unha palabra que estaba a ser moda— de dúas plantas de 245 metros cadrados cada unha, en dous corpos en forma de L, con muros de granito, piso de baldosa na planta baixa e de piñeiro tea na alta, con cuberta de tella sobre armadura de madeira. Pronto volveu hipotecarse por empréstito do Banco de Crédito Industrial. Falecido Eugenio Escuredo, a Torre adxudicóuselle integramente á súa viúva. En 1970 Elisa Lage vendeulle unha cuarta parte indivisa ao seu xenro Jaime Martínez de Ubago y Lloréns, xa viúvo e cunha ducia de fillos que, no ano 1996, acordaron manter indivisa esa cuarta parte entre os doce. No 1977 Elisa Lage dooulles as tres cuartas partes que lle quedaban ás fillas Margarita, María Luisa e María Olga Escuredo Lago. Falecida María Luisa, recibiron a parte dela Carlos e Margarita Acuña Escuredo; os irmáns Martínez Ubago Escuredo vendéronlles a súa cota a Margarita Escuredo, casada con Xosé Conde Corbal e a Agustín Carrión, casado con María Luisa Acuña Escuredo. A Agustín Carrión sucedérono na propiedade fillos e dona. Os herdeiros de Conde Corbal, cedéronlle a súa oitava parte á súa nai, Margarita Escuredo.

Actualmente, a propiedade da Torre de Escuredo queda indivisa conforme ás seguintes fraccións: Margarita Escuredo, unha cuarta e máis unha oitava parte; María Olga Escuredo, unha cuarta parte; Carlos e Margarita Acuña Escuredo, unha oitava parte cada un; María Luisa Acuña Escuredo, unha doceava parte e máis unha trinta e seisava parte; María Carrión Acuña, unha setenta e duasava parte. O meigallo materialista dos cartos sobrevoa de novo a Torre sen que saibamos valorar a súa historia, o arte, a cultura que se creou dentro dela.