O FC Barcelona súmase ao cartel do Torneo Cidade de Vilagarcía

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

A cita volve catro anos despois cun novo formato con previa e fase final

16 mar 2023 . Actualizado a las 22:40 h.

O Pazo de Rubianes serviu este xoves de escenario de luxo á presentación da que será a novena edición do Torneo Cidade de Vilagarcía Benxamín. Unha cita programada inicialmente para a primavera do 2020 e que finalmente se celebrará con tres anos de retraso debido á pandemia de covid-19. Unha edición que, xa tres anos atrás, fora ideada polo Arousa, o club organizador, con intención de seguir medrando. Desta volta, incorporando o formato de dúas fases. Unha previa, que se disputará os días 6 e 7 de abril aproveitando a Semana Santa. E a fase final, con tres xornadas para decidir o nome do campión.

Nesta última, fixada para os días 2, 3 e 4 de xuño, o Arousa confirmara xa semanas atrás os nomes de oito dos grandes clubs da Península: Real Madrid, Atlético de Madrid, Athletic Club de Bilbao, Sporting de Portugal, Porto FC, Sporting de Braga, RC Celta e Deportivo. No treito final dun acto de case 40 minutos dedicado case todo el á louvar a figura do ex futbolista vilagarcián do Arousa e do Leixões Juan Cambre, a organización desvelou este xoves o noveno nome confirmado no cartel da fase final do Torneo Cidade de Vilagarcía, o do F.C. Barcelona.

A presentación contou coa presenza do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, da deputada provincial de Deportes, Noemí Outeda, o responsable de Deportes da Xunta en Pontevedra, Daniel Benavides, e o vicepresidente da RFGF, José Manuel Fernández. Escusouse a ausencia, por unha indisposición, do empresario Ramiro Carregal, patrocinador do evento.