O vilagarcián traspasado do Arousa ao Leixões por 350.000 escudos e tres días dunha banda de música

p.p. vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

O padriño do Torneo Cidade de Vilagarcía recibíu un cumprido recoñecemento dos dous equipos de ambos lados da raia que foron a súa casa

16 mar 2023 . Actualizado a las 20:02 h.

«Mis comienzos fueron aquí en mi pueblo, Carril, con 8 años». Desta maneira, co protagonista comezando nun vídeo o repaso da súa historia co fútbol e cos dous clubs que marcaron a súa vida deportiva, arrincou a parte central do acto de presentación do IX Torneo Cidade de Vilagarcía. Unha parte central que consumiu a maior parte da duración do acto, como ben merecía a altura do personaxe elixido padriño do campionato este ano. 

Juan Cambre lembrou como, con 13 anos, Manolé e o secretario do club, Vivero, o ficharon para o Arousa. Os seus tres anos na selección galega xuvenil. O seu breve paso polo primeiro equipo arlequinado, co que só xogou 12 partidos ata que o adestrador do Leixões, o afamado ex futbolista internacional portugués Jose Mari Pedroto, se fixou nel no Trofeo San Roque que disputara o equipo luso e pediu a súa fichaxe. Tamén contou Cambre que ao chegar ao país veciño a prensa daló o alcumara El Cordobés «y eso no me gustaba», se ben recoñeceu que «regateando era un poco chulesco, parecía algo torero». Tamén que só tres días despois do seu desembarco en outubro de 1964 en Matosinhos, localidade irmandada con Vilagarcía desde 1959, voaron a Glasgow para medirse ao Celtic na Copa de Ferias: «Aquello era otro mundo», di. E tras salientar que o Leixões era entón un dos dez grandes equipos lusos, Cambre referiuse a Portugal como «mi segundo país».

Acompañado de Henrique Calisto, representante do concello de Matosinhos, Julio Lourenço, vicepresidente do Leixões, puxo en contexto a figura de Cambre: «Eu crecín coas historias de Cambre dos meus avós. Sei da historia do seu traspaso, que custou 300.000 escudos, outros 50.000 en material deportivo e tres días da banda de música de Matosinhos tocando en Vilagarcía. Para nós estas historias sono todo, fannos revivir».

Lourenço agradeceulle a Cambre a súa traxectoria cunha camisola, un libro da historia do equipo e a distinción coa que o Leixões recoñece as persoas destacadas polo seu servizo ao club. O arousán recibiu tamén no acto un libro de Matosinhos e as camisolas da selección galega e do Arousa.