A VBCup Helena Mariño prevé ocupar case 900 camas de hotel

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O torneo bate o seu rexistro de equipos inscritos na que será a súa edición número 26

07 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A organización da Vilagarcía Basket Cup Helena Mariño, a cargo do Club Baloncesto Vilagarcía, anunciou onte que a da vindeira Semana Santa será a súa edición co maior número de equipos participantes. Arredor de 120 que pelexarán polos títulos das categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e júnior dun torneo que cumpre os 26 anos.

Como vén sendo habitual desde a desaparición do torneo internacional sub 20, entre os clubs en acción haberáos de Galicia, Asturias, e Castela-León. Entre todos eles, calculan no CB Vilagarcía, traerán a máis de 2.000 persoas aos pavillóns de Fontecarmoa, Castelao e Fexdega durante os tres días da VBCup Helena Mariño, do 6 ao 8 de abril. Unha afluencia que leva á organización a estimar en case 900 as camas hoteleiras que se reservarán polo torneo nesas datas.