Dos Días da Muller e das Xuízas

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MONICA IRAGO

A presenza maioritaria de mulleres na xudicatura xa non chama a atención

05 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cadroume vivir nunha xeración privilexiada por poder ver por primeira vez na Historia un proceso xeral de evolución cara á igualdade home-muller, polo menos neste recuncho do Occidente. Na memoria do meu mundo non é que as mulleres rurais galegas fosen figuras decorativas ou reducidas á función de amas de casa. Non: ás súas costas cargaban a dedicación ao gando, aos cultivos de subsistencia, e, por suposto, ás duras labores derivadas de atender á familia: comidas, limpeza, lavado. Era un papel duro, que lles impedía dispor ata de descanso en xornadas de resistencia, esgotadoras: sempre tiñan algo que facer. E, en moitos casos, desamparadas, dependendo das cotizacións sociais dos cónxuxes e, amais, sometidas á autorización marital ata para dispor do seu. Non se alcanzou aínda a igualdade plena, pero o rol da muller foi evolucionando, particularmente polo acceso universal á educación e ao mercado de traballo. Hoxe, a igualdade xurídica é real: os mesmos dereitos, ningún tipo de dependencia; socialmente, non sendo en casos contados dalgún animaliño, trato igualitario. Pero iso non quere dicir, lamentablemente, que o proceso de avance normalizador teña logrado os mesmos niveis en todo o mundo. Este 2023 o Día Internacional da Muller celébrase co lema: «Por un mundo dixital inclusivo: Innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero». Nacións Unidas recoñece así ás mulleres, ás nenas e ás organizacións feministas que loitan polo adianto da tecnoloxía transformadora e polo acceso á educación dixital, para explorar os efectos da fenda dixital de xénero no crecemento das desigualdades sociais e económicas, pero tamén para resaltar a importancia de protexer os seus dereitos nos espazos dixitais e abordar a violencia de xénero online.

ONU Mulleres elaborou o chamado Informe Gender Snapshot 2022 e conclúe que a nivel global a exclusión das mulleres do mundo dixital non só recortou un billón de dólares do PIB dos países de ingresos baixos e medios na última década, senón que vaticina que a perda aumentará a 1,5 billóns de dólares en 2025 se non se toman medidas, pero é que tamén se está a perder a oportunidade de facer fronte aos problemas de violencia en liña que sofren persoalmente o 38% das mulleres.

A educación dixital axudará a que elas adquiran maior coñecemento dos dereitos e potencien o seu exercicio. Neste eido queda moito por andar porque para 2050, o 75% dos traballos estarán relacionados coa intelixencia artificial, nos que actualmente as mulleres apenas ocupan o 22%. E se o día 8 se celebra o Día da Muller, o día 10 a ONU teno sinalado como o Día Internacional das Xuízas. Cando no 1986 me iniciei na avogacía, todos os xuíces e maxistrados de por aquí eran homes. Agora, no noso ámbito territorial ten habido un enorme, incrible e modélico avance, aínda que nos cargos superiores da xudicatura non sexa aínda perceptible.

E neste sector so se atende a principios de mérito e capacidade. Hoxe, na Comarca do Salnés, os sete xulgados están encabezados por cinco mulleres e dous homes; en Galicia as xuízas chegan a case un 60 % e son maioría en quince das dezasete Comunidades Autónomas —quedan atrás por pouco Aragón, cun 48,7 % e Murcia, cun 45,5 %—. Nos países europeos, hai máis mulleres xuízas ou maxistradas que homes. Que elas representen o 41% dos xuíces dos Tribunais Supremos e o 25% dos presidentes dos tribunais, é por pura antigüidade, e, por iso, só é cuestión de tempo que se reflicta a plena igualdade. Así que en Occidente —non noutros lugares— no mundo da Xustiza, no Poder Xudicial, alcanzouse a plena normalidade de xénero. E a sociedade acéptaa con naturalidade, sen nin sequera fixarse nesta cuestión. Dese xeito deberían ir progresando todos os sectores, ata que nin se destaque a súa presenza. En canto non haxa necesidade de manter estas celebracións, será un trunfo da Humanidade. Mentres tanto, hai que seguir.