Da inimizade que move o mundo

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MONICA IRAGO

Non vou pedir que o amor, nin fraternal nin de ningún outro tipo, encha as nosas vidas e empape o mundo

08 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A palabra hipocrisía ten relación etimolóxica co teatro pola máscara que se adoitaba usar nas obras da Grecia clásica. Durante o Nadal todos fomos actores e algúns asumiron o seu papel ata crelo profundamente, creando, como cada ano, un ambiente finxido, no que a palabra máis repetida foi amor e a máscara de cada un, un sorriso de felicidade. Nesa película interpretada por todos o amor pareceu estenderse por terra, mar e aire, encher cada curruncho e, en fin, nós, a xentiña consumidora, emanamos dozura e un ricto de felicidade. Esa falsidade xeneralizada xa non resulta crible. E agora que remataron estas xornadas de boa vontade e enfilamos a costa de xaneiro, gustaríame expresar, causticamente, o meu desexo, irrealizable, para este ano novo. É un imposible.

Non vou pedir que o amor, nin fraternal nin de ningún outro tipo, encha as nosas vidas e empape o mundo. E todo porque a frase feita, cunha acepción procaz indubidable, de que o amor move o mundo, é ficticia. O desexo que quero expresar para este aninovo é, nin máis nin menos, o de que a inimizade deixe de mover o mundo. Porque a idea de conflito, de enfrontamento é a característica principal da Humanidade. Non o digo eu, xa o dixo Marx cando afirmou que «o lado malo é o que produce o movemento, que fai a Historia, ao xerar unha loita». E anda por aí, en ámbitos da Socioloxía, unha chamada Teoría do Conflito que pretende explicar a realidade. O Dicionario da Real Academia Galega di que un inimigo é unha «persoa ou grupo que odia, lle desexa mal ou trata de prexudicar a outro». E pon inimizade como sinónimo de hostilidade, malevolencia, odio, rancor, resentimento, teima, xenreira, antipatía, manía, animadversión ou animosidade, aos que se poden engadir: rivalidade, antagonismo, desafección, desavinza, aborrecemento ou abominación. E, si, o sentimento que reflicten todas esas verbas vén sendo o que fai mover o mundo. Ademais, a inimizade pódese ver desde un punto de vista individual ou grupal. Teñen efectos diferentes, opostos.

Cando xorde entre persoas implica un afastamento e, sempre, resulta da covardía de non querer xa entender ao outro e, tantas veces, nace de sensacións imaxinarias, irreais. Incluso se di que canto maior fose a intimidade, maior será a intensidade do conflito. A inimizade grupal, en vez de a separar, leva a unir aos grupos entre si. Esa é a razón de ser da propia existencia de grupos. Dicir que se hai diferenzas hai detrás aversión, non é fuxir da realidade. O conflito é necesario para establecer a propia identidade. Resaltar a identidade é considerarse diferente, distinto e, polo tanto, tende a definir fronteiras, estremas para reforzar a integración nun colectivo. E de aí nace, directamente, o desexo de enfrontarse ao rival, que, esquematicamente, é malo, peor ca un e o seu clan. É o inimigo. En todos os ámbitos. A pertenza a un grupo —un pobo, unha nación, unha patria, un Estado, un estrato social, ou, mesmo, un equipo de fútbol— debuxa unha inimizade que se manifesta na repulsión de quen non pertence a el. E esa situación empeza a ser destrutiva cando un dos grupos se sinte inferior, —dialéctica de clases sociais, económica— porque aí nacerá o resentimento, un veleno social. Todos estes sentimentos de grupo levan á máis clara manifestación da inimizade: as guerras.

Se nos fixamos na tan achegada de Ucraína, lembremos que hai moi pouco tempo a xente de alí obedecía e dicía amar, ata morrer por ela, á mesma bandeira que á dos seus agresores de hoxe, e aplaudía e durmía satisfeita cando a selección soviética de calquera deporte era quen de vencer á doutro Estado. Hoxe alí, entre quen dixo amarse eternamente, non se respectan nin as propias normas da guerra e búscase facer o maior dano posible. Non é certo, pois, que o amor mova o mundo. Faino a inimizade. Así que aí vai o meu desexo: que esa inimizade deixe de mover o mundo. Estou a pensar que, de todos os xeitos, por aquí algo imos avanzando: xa tanto ten sermos de Cambados ou da Illa, de san Martiño do Grove ou de san Estevo de Noalla, de Vilanova ou de Vilagarcía. Non si?.