Da patria

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

O GROVE

MARUXA ALFONSO

"Non vaia ser que tamén sexa algo continxente, pura casualidade administrativa, iso dunha ou doutra patria"

29 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que non o creamos, cada un de nós, sobre todo sendo de provincias, vaia onde vaia, presume do seu lugar de nacemento. De boca para fóra acostumamos dicir que non hai sitio como el e, se nos apuramos un pouco, ata sacamos o concepto dunha idiosincrasia particular. Atrevémonos a afirmar que posuímos unha maneira de ser propia e peculiar de colectividade ou de pobo, que é como define esa verba o Dicionario da Real Academia Galega. Na miña infancia de neno de aldea, como tiña unha visión do mundo reducida a aqueles poucos hectómetros cadrados que ocupaba o meu lugar, San Vicente, con xente, escola, igrexa e casais coñecidos ao milímetro, era quen de ver matices no xeito de ser e facíaseme doada a contraposición nós-eles. Montabamos, por exemplo, uns torneos inacabables, que nos deixaban exhaustos, de Campos contra Area, dous rueiros de San Vicente. E matinabamos que entre os dos Campos -eu era destes- había un nexo de unión, idiosincrasia, que nos facía como posuidores de certa unidade, cando non superioridade. Eramos uns. O mesmo pensaban os da Area, aínda que nunca xamais ousaron gañarnos un partido de fútbol. Curiosamente os de San Vicente, suma de Campos e de Area, formaban unha piña cando se trataba de enfrontarse aos de Balea ou aos de Reboredo. Entón, xa se sabe, a idiosincrasia permitía diferenciar unha aldea da outra. E non se fale de cando San Vicente se vía como parroquia, suma de San Vicente, Balea e Reboredo, para enfrontarnos aos do Grove, radicalmente distintos, que falaban tan raro, con tanto ese, que usaban castelán, que non sabían nada de gando. É que os do Grove tiñan unha idiosincrasia diferente! Éranche outra caste. E, por favor, que dicir cando os inimigos eran os da remota Noalla, co seu acento gutural, que ata nos queimaron un barco de adorno por un embrollo de estremas. Claro que, pensándoo ben, se había que oporse aos de Cambados iso xa era canela fina: Os das Goritas para alá eran os dispares e a unión facíase entre os do Grove. E se seguimos así e empezamos a falar do equilibrado carácter galego contraposto ao festeiro andaluz ou ao adusto castelán, remataremos por matinar que esa verba, idiosincrasia, ou non significa nada, ou non se sabe o que significa, ou é pura ficción. Estes días, por ter que acreditar uns límites municipais, topeime coa extensa, monumental e magnífica obra de Xosé Fariña Jamardo, unha chea de tomos, sobre os concellos galegos. Por poñer, cando fala do Grove ensínanos que nun intre da historia pertenceu á xurisdición da Lanzada, nun municipio coa capital en Sanxenxo. Vaites. Teriamos, daquela, como grupo unha idiosincrasia común cos de Noalla?. Vaites, vaites. Pero é que claro, no 1868 presentouse outro proxecto, racional, que facía un só municipio a Meaño, Sanxenxo e O Grove, con capital en Dena. Que lea! Entón, resulta que seriamos todos uns se iso se fixera lei?. Non quero seguir divagando porque o corpo pídeme falar de Patria e, claro, non vaia ser que tamén sexa algo continxente, pura casualidade administrativa, iso dunha ou doutra patria.