Vilagarcía acolle este sábado a estrea da versión galega de «Laika»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

cedida

A peza obtivo o premio Max ao mellor espectáculo para público infantil, xuvenil e familiar

12 nov 2022 . Actualizado a las 11:26 h.

O auditorio de Vilagarcía acollerá este sábado unha das súas grandes apostas culturais do ano: a compañía catalana Xirriquiteula Teatre estreará, precisamente na nosa cidade, a versión galega de «Laika», coa que en 2021 obtivo o Premio Max ao mellor espectáculo para público infantil, xuvenil e familiar, que se sumou os que xa recibira pola mesma obra en diversos festivais. A función, incluída no convenio Agadic-Concello, ten un prezo de 5 euros para os adultos, e de 3 para os menores de 13 anos, os maiores de 65 e todas aquelas persoas que acrediten estar en situación de desemprego.

A obra xira, como é obvio, arredor da famosa cadela Laika. É 1957 e estamos en Moscova, durante a Guerra Fría e en plena carreira espacial. Laika sobrevive polas rúas da xeada cidade. Nada lle fai sospeitar que o seu destino levaraa ao espazo dentro do Sputnik ll e pasará á historia da humanidade. Será o primeiro ser vivo en orbitar ao redor da Terra pero tamén unha vítima máis das loitas de poder doutros.

No espectáculo, dunha hora de duración, Xirriquiteula Teatre utiliza técnicas tan diversas como as retroproxeccións animadas, monicreques, autómatas, sombras e o traballo de actor para uns personaxes que falan nun ruso moi singular. Todo iso aderezado por unha banda sonora creada a medida para arroupar cada escena. Trátase, polo tanto, dun delicado traballo multidisciplinar onde todo encaixa despois de dous anos de intenso e longo traballo en colectivo. Unha organización creativa moi potente onde cada un dos creadores é especialista e ten a última palabra no seu campo pero participa igualmente na definición de todos os aspectos da obra.