Drama do Asmubal tras unha gran primeira parte (32-25)

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Cae así á sétima praza antes de xogar dous partidos seguidos na casa, coa S.A.R. e co Fuentes Carrionas

08 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Inelsa Solar Asmubal Meaño desaproveitou o pasado sábado unha desas oportunidades difíciles de ver repetidas. Tras dominar por ata sete goles de diferenza a primeira parte, o cadro do Salnés acabou caendo con estrépito 32-25 na cancha dun Carballal segundo na clasificación cos mesmos 10 puntos có líder, o Lanzarote, se ben co cadro canario cun partido menos xogado.

Tras uns primeiros minutos de tanteo, o Asmubal pisou o acelerador para dominar pola máxima vantaxe arriba sinalada e chegar ao descanso cun cómodo 10-14. Certo é, á súa boa defensa sumou o enorme desacerto do conxunto local, cunha decena de tiros estrelados na madeira defendida por Lorena Ligero.

Á volta de vestiarios as de Juan Costas volveron amosar esa preocupante transformación que están a sufrir esta temporada nas súas segundas partes fóra de casa. Desaparecidas en defensa, o Carballal tan só precisou de cinco minutos para igualar o partido (15-15), regalándose un festín en forma de 22-11 no parcial da última media hora do encontro. O Asmubal cae así á sétima praza antes de xogar dous partidos seguidos na casa, coa S.A.R. e co Fuentes Carrionas.