Do que nos ensinou a covid-19

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MONICA IRAGO

Durante a pandemia ata as voces neoliberais esixiron sanidade pública

12 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A peste do coronavirus, un efecto natural multiplicado polo xeito de vida humano, tamén está a ser a demostración de que o mundo —mellor dito a Humanidade— está mal organizado. Moi mal. En realidade, latexa no fondo que non hai conciencia real de algo tan elemental como que os seres humanos somos iguais. E, ademais, non é a única catástrofe sanitaria actual porque na Terra morren ó ano uns oito millóns de persoas por enfermidades curables non tratadas e por falta de auga e alimentación. A Humanidade estrutúrase en señoríos territoriais —como outros mamíferos depredadores— aos que hoxe lles chaman Estados, que valen para moitas cousas —a máis importante alcanzar o chamado welfare state, que vén sendo un atisbo de solidariedade limitada a un territorio—. Pero non hai solidariedade mundial entre toda a Humanidade; e o principal obstáculo son as fronteiras. Por iso a pandemia vén poñer en claro que a situación actual é absurda ao probar que un simple virus atravesou fronteiras, clases sociais, razas e todo tipo de diferenciación dos seres humanos, que se demostraron extremadamente indefensos.

Tratemos varios aspectos. O primeiro, o carácter universal do dereito á vida e á saúde. Ese dereito, común a todos os seres humanos, debería estar garantido sempre desde institucións públicas, un principio que todas as políticas do neoliberalismo puxeron en cuestión mediante privatizacións masivas da sanidade e incluso con Estados nos que non existe sanidade pública. Foi ata inmoral que nos momentos álxidos da pandemia todas as voces —incluidos as neoliberais, que predican que o mercado soluciona todo— esixisen aos Estados prevención, información, hospitais en condicións, vacinas, médicos; subvencións por paralización de empresas privadas, fondos para ERTES, todo á conta do público. A ninguén se lle ocorreu pedir nada ás aseguradoras nin ás institucións sanitarias privadas. Pero non só se debe garantir ese dereito desde o público, senón tamén desde institucións supra-estatais, supra-soberanías territoriais. A maior parte do mundo non dispón de institucións sanitarias públicas e aí se puxo de manifesto a necesidade de que os dereitos á vida e á saúde deban ser garantidos por un goberno mundial, única posibilidade de que todos os seres humanos puidesen afrontar en igualdade unha pandemia como esta. Unha segunda cuestión foi a falta de previsión global dos Estados fronte a este tipo de fenómenos naturais, que non coñecen fronteiras. O contraditorio é que eses Estados gastan cantidades inxentes de diñeiro en armas, que lles chaman preventivas ou disuasorias, para previr ataques doutros Estados. Agora mesmo, como se está a producir a loucura dunha guerra en Europa, aínda coa epidemia matando xente, os gobernos andan obcecados en investir miles de millóns de euros en armas para asegurar fronteiras. E postérgase a pandemia. Outra tolemia colectiva, mentres se esquece a lección de que hai que investir en prevención sanitaria que garanta a saúde humana, non optar por adquirir armas para defendernos non se sabe moi ben de quen, pero coa certeza de que a industria armamentística segue a ter un futuro moi brillante. Todo isto trae unha lección: os dereitos comúns a todo ser humano teñen que ser garantidos por institucións fortes supranacionais. Non resultou significativo ver como en España cada comunidade autónoma adoptou medidas de seu e en Europa cada un dos 27 membros enfocou a pandemia como quixo. Había medios, loitouse e estase a vencer. O que realmente ten que facernos pensar é que aquí somos privilexiados porque no 2021 xa tiñamos fabricado medicamentos efectivos. Pero no resto do mundo non está previsto ata 2024 que a vacinación sexa universal e entre tanto, a xente, coma ti e coma min, a morrer.