Da evolución da hostalaría

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

Ningún hostaleiro deixa de ser hoxe o primeiro ecoloxista. Quizá estaría ben saber como se conxuga desagraviar

10 abr 2022 . Actualizado a las 20:24 h.

O turismo é un fenómeno novo —popularizouse na segunda metade do século XX— pero a carón de beneficios están a facerse visibles algunhas consecuencias perniciosas e, por iso, é preciso pensar en estudar os seus efectos e trazar os seus límites. Galicia foi vítima algo tardía dunha concepción do turismo sen planificación cunha acción pública de fomento indiscriminado. Non se poden esquecer as vantaxes das zonas que poden ser receptoras de turismo e, sobre todo, das que sobreviven ás modas nesta actividade porque no ano 2019 o sector turístico alcanzou o 13% do PIB español, aínda que a pandemia fixo que no 2020 baixase ao 5%, e no 2021 a algo menos dun 8%. Pero tampouco se observa con nitidez que se produza unha maior renda per capita causada directamente polo turismo nos municipios receptores.

Sendo o turístico un sector económico novo tamén é evidente o seu dinamismo e a súa resiliencia porque a calidade e as esixencias dos visitantes varían meteoricamente e non sendo no caso peculiar da Toxa, —quen te viu e quen de ve!— non se pode soster que os servizos turísticos sexan os mesmos que na metade do século pasado. Hoxe a oferta de hostalaría é cada día máis profesional e de máis calidade. Sen embargo, a supervivencia en termos razoables e de nivel dese sector esixe que se fuxa da turistificación, unha situación que se produce en destinos turísticos onde se constata que os servizos, os barrios tradicionais, os recursos naturais, os costumes, as políticas, o urbanismo, céntranse en servir ao turista e esquecerse do veciño, que está unido a ese territorio con vínculos persoais, afectivos, profesionais, económicos, fiscais, moi diferentes dos do visitante. Hai casos nos que se prioriza, por poñer, deseñar unha nova promoción de chalés que unha praza pública ou un centro de saúde.

A iso hai que engadir os riscos sociais de desarraigo, desapego e frustración dos residentes provocados pola afluencia acaparadora, masiva, e descontrolada de turistas, cunha estrutura comercial, política e de recursos enfocada a servir ao turista. Por iso vai sendo imprescindible un estudo urxente sobre a capacidade de absorción de visitantes en función do territorio, servizos e recursos dispoñibles para soportar a ocupación do territorio polo turismo; vital xa no caso dos cámpings. Os partidos deberán empezar a propoñer nos seus proxectos políticos non a promoción infinita do turismo, senón a busca dun enfoque que garanta a supervivencia dese fenómeno. Vai ser preciso que se mande parar para elaborar estudios sobre o límite de absorción de visitantes e poder manter as expectativas de futuro da hostalería.