Un día destes descubrín que Vento da Travesía lese lonxe da nosa comarca. Desde moita distancia, unha esquecida amizade escribiume para preguntarme se era membro de Attac, xa que lle parecía, por algún dos contidos, que me convertera no voceiro dese movemento. Estrañoulle non saber dalgunha sección local de Attac nunha zona tan viva como Arousa. Tal asociación partiu de Ignacio Ramonet (Redondela, 1943), doutor en Semioloxía e Historia da Cultura, catedrático de Teoría da Comunicación, profesor na Sorbona, director de Le Monde Diplomatique en español e, entre outras distincións, doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago; unha das principais figuras mundiais do movemento altermundista, quen en decembro de 1997 provocou o seu nacemento cunha editorial en Le Monde Diplomatique na que propuxo a taxa Tobin e denunciou que a globalización tiña construído o seu propio Estado, co seu aparato, redes de influencia e medios de acción completamente independentes da sociedade e que actuaba desestruturando as economías nacionais, desprezando os principios democráticos, presionando aos Estados, esixindo máis e máis beneficios e, en fin, aumentando as desigualdades sociais.
Esa foi a semente deste movemento internacional. Attac denuncia a ditadura dos mercados e a especulación financeira, e busca alternativas sociais, ecolóxicas e democráticas para construír un mundo máis xusto. Neste momento histórico no que a globalización creou, como describe Ramonet, o seu propio Estado supranacional, cunha constelación de organismos (FMI, Banco Mundial, OMC, etc.) que falan a unha soa voz para exaltar as virtudes do mercado e que alcanzaron máis poder que os parlamentos e institucións democráticas de cada país, Attac vén evidenciando a falta de control e regulación dos movementos de capitais, a existencia de guaridas fiscais, as políticas impositivas que favorecen ás grandes fortunas e fomentan a desproporción dos soldos millonarios dos directivos, a sobrexplotación dos recursos naturais, a inseguridade ambiental xerada por determinados sectores industriais, o desinterese pola redución e reciclaxe de residuos e a privatización dos bens e servizos públicos para convertelos en mercancías obxecto de substanciosos negocios.
Busca ofrecerlle á cidadanía un espazo de reflexión e debate democrático para impulsar unha acción política transformadora fronte á tiranía e á opresión dos mercados financeiros. Acaba de facer un manifesto contra a guerra de Ucraína dicindo que: «As razóns aducidas polas partes en litixio, Rusia e os países membros da OTAN, para defender as súas posturas, seguridade, soberanía, liberdade, etc., e o enquistamento e inmobilidade das súas posicións, recordan momentos históricos previos ao desencadeamento de graves conflitos con terribles consecuencias económicas e humanas para millóns de persoas».
Arrastrados polo xogo xeopolítico
«A poboación europea está a ser arrastrada a participar nun xogo xeopolítico no que non ten nada que gañar. Son os grandes poderes económicos, como de costume, os que pretenden sacar proveito do enfrontamento. (…) queremos poñer o acento na gravidade das consecuencias máis directas e inmediatas do choque militar. Por un lado, o incremento do poder e beneficios da industria armamentista e enerxético-especulativa, sínteses ambas do actual factótum Grandes-Fondos-de-Inversión. Por outro, o sufrimento e empobrecemento da maioría da cidadanía afectada, que sufrirá coa guerra, ademais de graves perdas humanas, a destrución habitacional e un encarecemento salvaxe de todos os bens e servizos dependentes dos prezos da enerxía.(…) O uso da forza debe desterrarse absolutamente e para sempre das relaciones internacionais. Attac España e o seu consello científico animan aos movementos sociais españois e europeos a sumarse a unha necesaria e urxente mobilización cidadán polo NON Á GUERRA». Pois si señor, viríanos ben, xa, un Attac Arousa, ou un en cada concello.