Do que hoxe disque é o Día da Felicidade

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MONICA IRAGO

20 mar 2022 . Actualizado a las 20:21 h.

Q ue lles parece? A ONU di que hoxe é o Día Internacional da Felicidade. E será. Ao noso arredor estoupan bombas, fanse folgas para podermos traballar, vémonos asolados polos gastos enerxéticos, e as desigualdades medran por mor da pandemia. Felicidade é palabra antiga, cunha etimoloxía que algún psicanalista freudiano debería estudar a fondo. Vén de felicitas —fortuna, pracer, alegría, fecundidade— e esta deriva de felix —fértil, produtivo—; asóciase cunha raíz indoeuropea que tamén dou outras verbas latinas con significados como fecundar, ganar, chupar, fillo ou felación. Cicerón asociouna con fortuna, bo destino e pracer; Plinio relacionouna con fertilidade e Kant, parecendo un hedonista, deixou sentado que vén sendo a «satisfacción de todas as inclinacións, tanto en extensión, como en intensidade e duración». O dicionario da RAG di que é un estado —non un intre— de plena satisfacción e pon como sinónimos alegría, dita e ledicia. Como creo que os sinónimos non existen, matino que son cousas diferentes.

Un tanto confuso isto da felicidade que, se cadra, costa alcanzar por non termos claro que é. Pois resulta que, en 1972, o soberano de Bután, un pouco canso de que o PIB dese reino, 163.º do mundo, o fixese aparecer como un país pobre, instaurou como indicador da calidade de vida o índice da Felicidade Nacional Bruta, baseado nun desenvolvemento socioeconómico sostible e igualitario, a preservación dos valores culturais, a conservación da Natureza e o rexerse por un bo goberno. E así foi como esa pequena monarquía centroasiática na que, como en Galicia, crecen rododendros, magnolias, orquídeas, pinos e carballos e teñen ao corvo como paxaro nacional, levou esa idea á Asemblea Xeral da ONU, que,no 2012 instaurou o 20 de marzo como Día Internacional da Felicidade. Di que pretende que se recoñeza a relevancia de felicidade e benestar como aspiracións universais das persoas e a importancia da súa incorporación ás políticas de goberno para que apliquen enfoques inclusivos, equitativos e equilibrados. Non imaxino a PP, BNG e PSOE abandeirando os seus programas políticos cun Sermos felices.

No fondo, a pesar de que se pode entender como unha inxenuidade, o que nos debe querer dicir a ONU é que a vía para conseguir o benestar humano será, fundamentalmente, a de promover a igualdade. Por esa razón, na clasificación anual de países felices, como se existise a felicidade colectiva, os primeiros postos ocúpanos os Estados occidentais máis igualitarios —e ricos: Finlandia, Dinamarca, Suecia—. España transita, segundo o ano, entre os postos vixésimo sétimo e cuadraxésimo; e Galicia, con respecto ao Estado, vai derradeira. Serémosche uns inconformistas, que nos faltará?

A empatía dos galegos co mundo

Diversas novas de prensa de cando se publica esta listaxe, que encabeza Navarra, bótanlle a culpa de que Galicia se sinta infeliz… á choiva! Vaites, vaites. Sorprendente o bo tempo que deben gozar fineses, daneses, suecos e navarros; por non dicir que en Bután chove o dobre que por aquí. A cuestión é se se pode celebrar o Día Internacional da Felicidade neste momento cando nos rodean irracionalidade, temor, inseguridade, mísiles, vítimas, incremento de gasto en máquinas para matar máis, desigualdade, pobreza... E en tempo de choiva. E, ademais, mentres nos están a contar, que, claro, a invasión de Ucraína, que fai tremer ao mundo enteiro, púidose evitar se esta antiga parte de Rusia non andase a enredar con entrar na OTAN e, polo tanto, con que a OTAN non xogase a meterse alí —por certo, para que?—. Penso que a empatía dos galegos co mundo non nos permitirá subir na clasificación da felicidade. Será culpa da choiva, pero, por min, xa lles digo: hoxe por hoxe, completamente infeliz. Nun ano que din que temos seca.