Das invasións e das fuxidas

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

Lorena Sopêna

Que faría eu se Portugal, Francia ou Inglaterra invadisen esta Galicia?, reflexiona o autor

06 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non podo falar das conviccións dos demais, pero nunca entendín a heroes, nin a patriotas, e sempre me pareceron máis valentes os fuxidos; sei, ademais, que os reinos e os estados foron e son todo o contrario de algo inmutable, estruturas xurídicas territoriais pasaxeiras: hoxe unha cousa e mañá outra. Aínda así houbo, hai e haberá persoas que se sentiron heroes, patriotas, que deron e darán a súa vida por reinados ou por estados que desaparecen en cada reviravolta da historia. No mundo que andamos é relativo afirmar que algo pertence a un estado ou a outro porque, na realidade, o aproveitamento dos bens que existen en cada lugar carecen de relación co estado concreto e as xentes que o soportan. Imos cun exemplo: as minas, os recursos petroleiros, de quen son…? Pois á hora da verdade, veñen sendo, en xeral, do capital, das multinacionais que controlan o sector, por moito que estean situadas nun ou noutro espazo físico. Como exemplo, na etapa da que coñecemos historia escrita, Galicia foi provincia romana, de Braga a Lugo, a Astorga e Asturias; despois foi reino independente, ao que se lle agregaron outros estremeiros; posteriormente englobouse noutras unidades xeográficas ata rematar, por agora, como unha parte de España e, desde un punto de vista político?administrativo cunha importante autonomía de goberno e integrada na UE. Durante todo ese percorrido soportou invasións de moitas clases, por mar e por terra, e os seus reis chegaron a irromper na mesmísima Toledo; agora mesmo, sen maior esforzo intelectual e cuns coñecementos mínimos, poderiamos considerar Galicia como un territorio que permanece invadido, despois de ser soberano. E tanto porque non ten independencia como porque os principais recursos económicos —banca, aforros e rendas, vento, minas, por exemplo— non están en mans galegas. É dicir: Galicia, o reino máis antigo de Europa, foi moitas cousas ao longo da historia e durante ese proceso sempre houbo quen morreu polo que ía sendo en cada momento. Ucraína, onde hai unha rexión denominada Galicia repartida con Polonia, tamén seguiu unha evolución común co resto dos territorios europeos. En cada etapa tivo heroes e persoas que consideraban inmutable a estrutura xurídica e dispostos a morrer pola configuración en cada intre. Primeiro, unha federación de tribos orientais que formou o Rus de Kiev, o estado máis poderoso de Europa no século XI; os mongois invadírona no XIII; repartida entre a República das Dúas Nacións (Polonia-Lituania), os imperios austrohúngaro e otomán e o Tsar de Rusia. Nos XVI e XVII foi cosaca e dividida entre Polonia e Rusia. En 1921 a República Socialista Soviética de Ucraína foi fundadora da Unión Soviética, da que se independizou en 1991. Os sucesos actuais son coñecidos: Yakunovich, Euromaidán, Crimea, Zelensky, Dombás e o que nos asusta agora mesmo coa brutal agresión bélica de Rusia, inintelixible nos tempos que corren. Rusia ten poder económico para xogar ao capitalismo e facerse coas riquezas de Ucraína, pero opta por tanques, mísiles, bombas, mortes, pola industria armamentística. Non é asumible no século XXI ver esas vivendas —fogares onde alguén era feliz ou infeliz e seguramente preocupado pola hipoteca— destruídas a canonazos, reflectindo que a humanidade segue a ser irracional. Non vale personalizar en Putin: é o aparato enteiro dun estado, —como unha manada de animais—, o que agrede. A cuestión é que morre xente a defender o statu quo actual e o mundo enteiro está a facer bandos, quizá bandas, e acudindo ás armas, cando o máis probable é que en poucos anos todas esas estruturas xurídicas sexan outras. Os que non cambiarán serán os mortos. E por iso: E se por vivir se deixan invadir? Que faría eu se Portugal, Francia ou Inglaterra invadisen esta Galicia? E se me deixase invadir para vivir, fusilaríanme por covarde ou traidor? E se os valentes son os fuxidos, que tamén poden optar por viviren para defenderse coa razón, ou só por viviren? Tampouco sei se Gandhi, que soa demodé, deixaría algunha ensinanza.