O Mariscos Antón Cortegada completa esta noite o seu maratón

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

As de Javi Nogueira reciben con todas as cautelas o pechacancelas

01 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Mariscos Antón Cortegada inicia esta noite ás nove o seu terceiro partido en tres días. Tras superar na tarde do sábado o GDKO Ibaizabal (71-50) e logo de caer na mañá do domingo a mans do HGB Ausarta Barakaldo (59-65), o conxunto que dirixe Javi Nogueira volve saltar ao parqué do Pavillón Municipal Fontecarmoa 1 para recibir ao sobre o papel pechacancelas do Grupo A da Liga Femenina 2.

Dicimos sobre o papel, porque o Magectías encara en Vilagarcía o primeiro dos catro partidos adiados que acumula no seu calendario por situacións de contaxios por covid-19. Encontros que, de gañar, dispararían na clasificación o cadro de Lanzarote desde o seu actual decimocuarto e último posto, cun balance de 4 vitorias e 12 derrotas, mesmo con posibilidade de superar o Rosalía, undécimo e ocupante da última praza libre de descenso cun 7-11 se ben tamén cun par de partidos pendentes para poñer o seu calendario ao día.

O adestrador do Mariscos Antón decidiu encarar o choque co Magectías sen un só adestramento desde o pasado venres. A intención, darlles o maior descanso posible as súas desgastadas xogadoras. En especial, á capitá e lideresa do equipo, Sara Gómez, que acumulou 74 minutos e 29 segundos dos 80 consumidos entre os partidos fronte ao Ibaizabal e o Barakaldo, anotando en cada un deles 20 puntos.

Javi Nogueira ten ben presente o choque da mañá do domingo á hora de encarar o duelo desta noite co Magectías. Porque máis aló do extraordinario acerto das xogadoras do Barakaldo tras a liña de 6,75, con 13 triplos anotados e unha porcentaxe do 50 %, o técnico vilagarcián é consciente de que o partido se lle foi ao Mariscos Antón Cortegada pola súa frouxa defensa na primeira parte, encaixando 20 puntos en cada un dos dous primeiros cuartos (33-40 ao descanso). Así as cousas, a clave, sinalaba onte Nogueira, pasa por recuperar o alto nivel defensivo que lle permitiu ao cadro arousán contar por vitorias os seus catro compromisos de Liga precedentes ao do Barakaldo.

Igual ca temporada anterior, o Magectías reforzouse na segunda volta para tentar volver salvar a categoría. Este curso, coa incorporación de dúas xogadoras exteriores, a alemá Tatiana Tenorio e a internacional en categorías inferiores por Mali Kamite Dabou.