A xustiza social é un soño da humanidade que se alcanzará actuando no día a día
20 feb 2022 . Actualizado a las 19:51 h.Desde o 2007 cada 20 de febreiro celébrase o Día Internacional da Xustiza Social na busca de promover sistemas político-económicos baseados nos principios de xustiza, equidade, democracia, participación, transparencia, rendición de contas e inclusión, pleno emprego e traballo decente; a xustiza social vincúlase co mantemento da paz, recoñecendo que sen ela, sen respecto dos dereitos fundamentais e sen crecemento económico de base ampla non se poderá alcanzar esa xustiza social. Un concepto vastísimo e difícil que nestes días de imaxes bélicas sufrirá novos retrocesos. A idea ten raíces profundas no pensamento filosófico e político, foi utilizada polo primeiro socialismo, pola OIT —que hoxe en día fala de globalización equitativa baseada nun traballo decente— e pola doutrina da Igrexa que afirmou que a «xustiza social é un límite que ten que ter a distribución da riqueza nunha sociedade, para reducir a diferenza entre ricos e necesitados». A pesar da dedicación dun Día Internacional non hai unha definición concreta do que se poida entender por xustiza social e, con rodeos diversos, díxose que pode ser sinónimo de xustiza distributiva ou que é a finalidade do Estado de Benestar. A ONU indica que «a xustiza social é un principio fundamental para a convivencia pacífica e próspera» e que resulta o núcleo da súa misión global para promover o desenvolvemento e a dignidade humana. Con este Día da Xustiza Social, preténdese «erradicar a pobreza e promover o emprego pleno e o traballo decente, a igualdade entre os sexos e o acceso ao benestar social e á xustiza social para todos». Sen embargo, precisamente desde 2007, a Humanidade segue inmersa en graves problemas: agudas crises financeiras, inseguridade, pobreza, exclusión e desigualdade —tanto dun xeito individual como comparando sociedades—, cambio climático, guerras en Ucrania, Yemen —o 80% da poboación precisa axuda humanitaria—, Siria (seis millóns de persoas desprazadas), Sudán (millóns de persoas na miseria absoluta), Somalia (millóns de desprazados pola guerra e a seca)... Como é posible, por e para que sigue habendo case setenta guerras?. Pero, ademais, o Covid 19 amosou, fronte ao enriquecemento dos máis poderosos, a vulnerabilidade e a desprotección, por exemplo, das persoas empregadas irregularmente e sen amparo de sistemas de seguridade social, que son o sesenta por cento da poboación traballadora mundial: dous mil millóns de seres desprotexidos e vulnerables nestes anos de pandemia. Di a ONU que, ademais, con ese traballo furtivo, esas persoas teñen o dobre de probabilidades de seren pobres en comparación cos traballadores regulados. A maioría deles ingresan nesa economía somerxida, oculta, informal, pola falta de oportunidades na economía regularizada. A razón de non alcanzarmos esa ilusión da xustiza social pode estar en que hai que partir de materializar esas cousas de acotío como, por exemplo, dar de alta aos traballadores ou contribuír fiscalmente cada un segundo as súas posibilidades. Mais a pobreza non só é carencia de medios para unha vida digna, senón tamén a falta de oportunidades, a mingua de coñecementos, a perda da diversidade cultural e biolóxica, o dano de bens comúns —entre eles do patrimonio cultural—, a ausencia de iniciativas para resolver en paz os conflitos ou a dificultade para empatizar co distinto de nós. Xustiza social é, seguramente, o soño histórico da Humanidade, pero negado por ela mesma e por cada un, cada día.