Da ansiada resolución de incoación de Adro Vello como BIC

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Son chegados os tempos de que a clase política amose o seu nivel. Necesítanse líderes, compromisos, ilusións. Seguro que os temos

08 feb 2022 . Actualizado a las 21:32 h.

Cando era alumno de Dereito había un profesor coa fama de ler cada día todos os boletíns oficiais. Os estudantes non dabamos crédito a tal proeza de lectura farragosa e aburrida. Despois, co tempo, esa ollada diaria converteuse nun traballo, pero segue a ser igual de tediosa. Salvo onte. A lectura do DOG sooume a sinfonía desde o mesmo título: resolución do 20 de xaneiro de 2022, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural a zona arqueolóxica de Adro Vello, na parroquia de San Vicente do Grove. Lin esta decisión -grazas, conselleiro, polo impulso- como somerxéndome na literatura máis pracenteira. A propia norma explica o porque: «O BIC fundaméntase no seu interese científico, así como na súa importancia histórica e arqueolóxica, que o configuran como un dos bens arqueolóxicos máis sobranceiros no ámbito da comunidade autónoma». E «a zona arqueolóxica de Adro Vello constitúe un fito de importancia clave para comprender o pasado e o presente da comarca do Salnés. A zona aglutina restos de moi variadas cronoloxías, que ilustran sobre o devir histórico do lugar. O achado dos restos de materiais calcolíticos na praia do Carreiro, en 2002, conforman o resto máis antigo da ocupación desta área».

Por fin temos unha norma, baseada en informes previos, para resolver un desleixo de case cinco décadas. Por fin. Instaura desde hoxe a mesma protección que unha resolución definitiva, inicia un período de exposición pública dun mes desde a última notificación para alegacións, pero tamén abre un extraordinario abano de oportunidades para a clase política. Xa. En primeiro lugar para o Ministerio para a Transición Ecolóxica, titular do xacemento e coas obrigas que se lle indican na mesma resolución, tamén para a Deputación de Pontevedra, cunha destacada traxectoria no apoio á arqueoloxía, e para o Concello de O Grove, un tanto confuso no significado desta Resolución. Agora, logo deste primeiro paso adiante, son chegados os tempos de que a clase política amose o seu nivel, o seu compromiso coa historia, coa cultura e con este pequeno e fermoso recuncho de San Vicente. E que se alegre, se felicite, pola fortuna de dispor de Adro Vello. E se embarque con disposición de navegar, non de naufragar. Un barco nunca chegará a porto se cada un voga dun xeito. É preciso complementar forzas e remar no mesmo sentido, acompasados. O xacemento é tan importante, é tan necesario coñecer o que hai alí, que ninguén pode permitirse dar padexadas ao revés. Necesítanse líderes, compromisos, ilusión. Seguro que os temos.