As Centolas do Breogán tamén botan un baile por Tanxugueiras

leticia castro O GROVE / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

O equipo de deportistas subiu a redes sociais unha gravación para amosar o seu apoio a Aida Tarrío, Sabela e Olaia Maneiro

08 sep 2022 . Actualizado a las 20:44 h.

Que as Tanxugueiras están de moda non é ningún segredo, e menos despois do seu incrible paso por Benidorm onde acudiron co obxectivo de poder representar a España no festival de Eurovisión. O apoio ás pandeireteiras aínda se sinte hoxe ao longo e ancho do territorio galego, sobre todo tras coñecerse a desafortunada clasificación do xurado. E o fenómeno, lonxe de desinflarse segue a sumar seguidores que aumentan a súa presenza mediática. Diferentes colectivos deportivos e culturais, así como persoas particulares amosábanlles o seu apoio a través de distintas vías, e no Grove, por suposto, non ían ser menos.

O Clube de Piragüismo Breogán facía o propio nas súas redes sociais, onde soen ser tremendamente activos, antes da actuación na final o pasado domingo, pero non contentos con iso, hai uns días o equipo das Centolas, dirixido por Lino Cacabelos, subía tamén un vídeo, con coreografía incluída, para dar azos a Aida Tarrío, e a Sabela e Olaia Maneiro.

As integrantes do equipo grovense non quixeron, dende logo, deixar pasar a ocasión de mostrar o seu cariño, interpretando ao seu xeito a épica canción Terra. E fixérono tamén porque elas, as Centolas, teñen baile propio, que é moi coñecido na península meca, que a miúdo usan para festexar os seus logros deportivos, e iso que non levan moito tempo adestrando xuntas no barco do Dragón. Aproveitando esta circunstancia «quixemos montar un vídeo no que darlles ánimo, e unha das compañeiras decidiu usar un anaco de gravación que xa tiñamos e incluír a súa canción. Parécenos unha homenaxe bonita que agardamos lles chegue», aseguraba unha das deportistas.

Non foi feito adrede, pero a coreografía das Centolas parece encaixar á perfección con Terra, e elas aseguran que é pura casualidade, ou iso, ou que está moi ben sincronizado, claro. O vídeo, que foi subido polo clube ao día seguinte da final do Benidorm Fest, alcanzaba onte as 300 reproducións, e de seguro seguirá aumentando nos vindeiros días, e visto como quedou seguramente non sexa o último que vemos do equipo cun tema das grupo de pandeireteiras máis coñecidas e buscadas do momento.