O Concello dotará de beirarrúas un primeiro treito da rúa Ameixeiras

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Era unha demanda pola que a veciñanza e, sobre todo, os estudantes do Instituto Armando Cotarelo e as súas familias levaban pedindo moito tempo sen resposta do Concello de Vilagarcía

27 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Era unha demanda pola que a veciñanza e, sobre todo, os estudantes do Instituto Armando Cotarelo e as súas familias levaban pedindo moito tempo sen resposta do Concello de Vilagarcía. Ata agora. O goberno local anunciou onte a súa decisión de dotar de beirarrúas o primeiro treito da Rúa Ameixeiras, aproveitando os terreos de titularidade municipal resultado da cesión realizada pola urbanización do solar que fai esquina coa Avenida de Cambados. Deste xeito, procederáse á mellora da seguridade viaria nunha rúa que é moi transitada polos alumnos do centro educativo.

O proxecto xa foi aprobado pola xunta de goberno local, cun orzamento de 72.442 euros. Deles, 35.000 financiaránse co aval da promotora que deixou sen urbanizar os terreos e o resto con cargo ao orzamento municipal de 2022. O proxecto sacaráse a licitación en breve.

Ademais de beirarrúas no treito de 110 metros que ten de fronte cara a Rúa Ameixeiras o solar obxecto da cesión de terreos ao Concello, este aproveitará para habilitar á par unha liña de estacionamentos.

A actuación prevé ademais a supervisión, posta a punto e adaptación das redes de recollidas de pluviais e saneamento, o soterramento do cableado eléctrico, a instalación das canalizacións soterradas para as liñas de telecomunicacións, a colocación de luminarias de tecnoloxía LED, a construción de pasos de peóns elevados e o pintado da sinalización horizontal.

O Concello pretende completar a construción de beirarrúas en toda a rúa, para o que iniciou contactos con propietarios dos terreos contiguos para obter os terreos necesarios.