O Kiteboarding Galicia da Illa denuncia o baleiro que sofre por parte do Concello

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo A ILLA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Os responsables do club, con 80 licenzas, falan dun trato discriminatorio ao ser a única sociedade deportiva náutica do municipio sen acceso a un local para a súa actividade

12 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«O que máis nos molesta aos directivos do club é que dende o Concello xa non é que fagan ou non fagan caso, é que nos encontramos nun momento no que nin responde aos escritos presentados por rexistro, nin ás chamadas, nin aos wasaps...». Desta maneira trasladaban onte á opinión pública os responsables do Kiteboarding Galicia da Illa a súa frustración co baleiro absoluto que din recibir por parte do Concello insular. Un baleiro que ameaza a actividade dos seus 80 deportistas e que supón aos seus ollos un trato discriminatorio respecto ao recibido polo resto das entidades deportivas locais.

Desde o club de kitesurf contan que levan tempo solicitando unhas instalacións nas que poder desenvolver a súa actividade na praia do Bao, zona de adestramento dos seus deportistas, e na que deben moverse «á intemperie existindo varias instalacións náuticas no concello ás cales non lles dan acceso». Concretamente, falan de «tres locais náuticos copados polo club de piragüismo, a día de hoxe con menos licenzas co Kiteboarding Galicia, e dornas».

Os responsables da entidade de kitesurf apuntan que «as nosas reivindicacións como club foron expostas ao alcalde e á concelleira de Deportes en varias reunións onde o non facer é o resultado final, encontrándonos nunha situación precaria como club da Illa de Arousa sen ningún tipo de instalación, ducha ou vestiarios, algo impensable nos tempos que corren».

Anos na mesma situación

A situación descrita vén arrastrándose desde «hai anos», sinalan no Kiteboarding Galicia, pero neste preciso momento a falta de resposta do Concello sería especialmente delicada por canto, explican, «estamos a unhas semanas de perder a opción de poder instalar un colector provisional e temporal, como os dos chiringuitos, para usalo como local e sede para a campaña de máis práctica do kitesurf.

O club salienta que ademais dos seus deportistas, a práctica da súa especialidade atrae á Illa a visitantes de fóra da localidade, para rematar comentando tamén que «entre as moitas solicitudes sen resposta do Concello están tamén os permisos para desenvolver unha regata oficial avalada pola Federación Galega de Vela».