«O charco de Ulises», unha odisea en clave migratoria, chega a Vilagarcía

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Sandra Alonso

O Centro Dramático Galego poñerá a obra en escena no auditorio o 26 de novembro

17 nov 2021 . Actualizado a las 21:19 h.

O Centro Dramático Galego produce O charco de Ulises, un texto de Santiago Cortegoso que se inspira no clásico de Homero, A Odisea, para falar dun fenómeno tan próximo ao pobo e ao sentimento galego como é a emigración. A peza poñerase en escena no auditorio de Vilagarcía o venres, día 26. As entradas xa están á venda en ataquilla.com e o número de teléfono 902 504 500, ao prezo de cinco euros. De no esgotarse antes, tamén poderán adquirirse o mesmo día da función na billeteira do auditorio, dende as 18 horas.

Nesta versión libre, o autor, que tamén dirixe o espectáculo xunto con María Bañobre, traspasa a historia de Ulises a un contexto atlántico, con Galicia, Bos Aires e o océano no lugar de Ítaca, Troia e o Mediterráneo. Xérase, deste xeito, un diálogo co mito orixinal nunha trama paralela que desprende un marcado arrecendo poético. Fran Paredes encarna o heroe, acompañado dun elenco composto por nove actores e actrices.