Os disfraces, os sustos e a diversión tomaron os colexios e as rúas en todos os concellos
30 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Se cadra, a do Samaín é unha das festas que máis éxito está a ter polo Salnés nos últimos tempos. Se cadra, polas gañas de troula tras tanto tempo de máscaras obrigatorias, ou, quizais, porque é unha festa que invita a participación. Un entroido en pleno outubro, que non ven nada mal para botar unhas risas, que falta fan.
O asunto é que en practicamente todos os colexios, e ata nalgún instituto, do Salnés o de onte era un día moi especial. Á hora na que entran os cativos o espectáculo nas beirarrúas era total, cos rapaces perfectamente preparados para meter medo. Con calquera cousa agás con todo o relacionado con «El juego del calamar». Houbo centros nos que se mandou unha circular moi clara falando do asunto: Nada de chocos, luras ou xibas, que agora meten máis medo que as pirañas aquelas do Joe Dante, que anda nestes días por Vilagarcía cos seus gremlins ás costas. Eses si que metían medo.
O nivel do maxín do personal é moi alto. Cada ano, máis, e xa de medo pensar no que pode pasar para o próximo curso vendo o que fixeron, por exemplo, no CEIP Coirón, de Dena. Aí xuntáronse mestres e ANPA para argallar un cuarto do terror, que xa quererían para si nalgún parque temático. Espaguetis polo ar, berros e escuridade. Moita escuridade para pegarlle un bo susto a aqueles que entraban no cuarto sen ter moita idea do que se atoparían.
O Lar do Campesino
Houbo nos colexios moitos berros e moitos sustos, pero tamén noutros lugares. O Lar do Campesino, por exemplo, ten feito xa un oco nas preferencias pola súa complicidade en datas sinaladas. Acontece no Nadal, cando a súa decoración é todo un espectáculo, e tamén agora. Paga a pena ir ata Castrelo inda que sexa so para ver todo o que Ana ten por alí montado. Hai de todo, para pasalo ben os vellos e tamén os novos, que a neta de Ana é unha das que por alí andan de troula con algún dos amigos que ata alí se achegan.
Foi o de onte un bo día para festexar o Samaín, pero non foi o único. Xa cos colexios pechados, o protagonismo pasa agora para as rúas, se é que a chuvia o permite, que esa é outra. Certo é que esa tradición ten moito que ver coas películas americanas, pero tampouco se minte se se conta que cada vez máis nenos, e xa dende hai algún anos, aproveitan a escusa do que eles chaman Halloween para andar polas casas a pedir doces e caramelos.
E non lles vai mal, porque a xente está xa mentalizada e todo o mundo garda algo de arsenal para atender os famentos. Non será o Samaín puro, pero o conto é pasalo ben. E diso, polas beiras do Salnés, parece claro que non hai problema para sacarlla rendemento o asunto. Hai arañas de cartón ata nas panaderías. Cousa de medo.